NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Redecinema trae á praza da Quintana a proxección aberta do filme "Vilamor"

05/09/2012 O programa Redecinema, promovido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Deputación da Coruña, chega a Santiago de Compostela coa proxección do filme Vilamor. Será o sábado 8, a partir das 22:00 horas, na praza da Quintana, nunha sesión aberta e de balde para todos os públicos.

A concelleira de Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez, presentou esta proxección, que contribuirá á "promoción do uso do galego en actividades lúdicas e de lecer". A este mesmo obxectivo se referiron a deputada provincial Zaira Rodríguez e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que destacaron ademais o traballo coordinado entre Administracións a propósito deste programa Redecinema, que levará Vilamor a 17 concellos da provincia.

Na presentación desta proxección tamén estivo o director do filme, Ignacio Vilar, especialmente ledo por ter a posibilidade de que Vilamor se exhiba nun marco tan idóneo como a praza da Quintana e nunha sesión aberta a todo o público. Xunto ao director estiveron tamén os actores Rubén Riós e a compostelá Sabela Arán.

Vilamor
Vilamor, cuarto filme de Ignacio Vilar despois da exitosa Pradolongo, estreouse nas salas comerciais galegas na primavera de 2012. Protagonizada por Rubén Riós, Sabela Arán, e Xoel Yáñez, Vilamor tivo dende o principio un grande éxito de crítica e público, fundamentalmente grazas a unha campaña de comunicación singular e alternativa, deseñada coa idea de chegar á gran maioría dos galegos, de darlles a coñecer que en Galicia tamén se pode facer cine de calidade, en galego e con proxección internacional, partindo dos estupendos recursos culturais cos que contamos.

Así, Vilamor é unha produción na que participaron equipos técnicos e artísticos 100% galegos, e que despois de percorrer as salas de cine de toda a nosa xeografía estivo presente en citas internacionais como a 65ª edición do Festival de Cine de Cannes, o Festival de Cine Internacional de Nova York (onde acadou o pasado 16 de agosto os premios á mellor fotografía e mellor banda sonora) ou o Festival de Cine Internacional para a Paz, a Inspiración e a Igualdade de Yakarta (Galardón á excelencia).

Redecinema
Dende xullo de 2012, a través dun acordo coa Deputación de A Coruña e a Rede de Dinamización Lingüística da Xunta, e cos obxectivos de promover o uso do galego nas actividades lúdicas e de lecer e visibilizar a acción dinamizadora en lugares abertos e públicos, a película está presente en diferentes localidades da Coruña en pases na rúa e calidade óptima.

Santiago e a praza da Quintana veñen a supoñer un peche simbólico perfecto para esta rolda de proxeccións de verán, que continúa aínda ata final de mes. Nesta proxección acompañarán ao público o propio director, Ignacio Vilar; os tres actores protagonistas, Rubén Riós, Xoel Yáñez e Sabela Arán; Mela Casal e Luís Iglesias. Todos eles manterán un coloquio cos espectadores que acudan á Quintana tras o visionado do filme.

Documentos relacionados



Compartir: