BENESTAR SOCIAL

O Concello de Santiago e a Fundación Secretariado Xitano perfilan o seu convenio anual de colaboración

05/09/2012 A concelleira de Familia e Benestar Social, Paula Prado, reuniuse coa coordinadora do equipo de Santiago da Fundación Secretariado Xitano, Isabel Suárez, e coa directora en Galicia da devandita Fundación, Eva Vera. No encontro perfiláronse as liñas de colaboración que quedarán marcadas no convenio anual a subscribir, no que o Concello achegará 20.000 euros á Fundación para as accións do programa Acceder.

Paula Prado destacou o incremento da partida destinada a este convenio, que se viñera diminuíndo nos últimos anos, recuperando a contía de 2007. O acordo entre Fundación Secretariado Xitano e Concello estará destinado ás actividades incluídas no programa Acceder, que ten un orzamento total de 164.390 euros.

Grazas a este programa, traballarase en accións dirixidas á poboación de etnia xitana como a creación dun espazo de inclusión laboral, a cualificación profesional e o acceso ao emprego, a intermediación laboral ou a sensibilización social fronte a prexuízos ou prácticas discriminatorias.

Na reunión tamén se abordaron outras cuestión relacionadas coa área municipal de emprego, como a liña de colaboración iniciada coa Axencia Local de Colocación respecto ao acceso aos postos de traballo ofrecidos no futuro Centro Comercial As Cancelas. Tamén se seguirá traballando en accións formativas e noutras actuacións encamiñadas a que a poboación de etnia xitana "teña máis oportunidades de acceso ao mercado laboral", segundo apuntou a concelleira.

Neste sentido, indicou que non se trata só dun "esforzo especial" para lograr novas oportunidades, senón tamén de "manter os postos de traballo xa existente". Achegou como dato que se produciu unha maior destrución de emprego entre os homes, fundamentalmente pola crise da construción, mentres que se mantiveron mellor os niveis de emprego entre as mulleres en sectores como o coidado de persoas dependentes ou a limpeza.

Finalmente, Paula Prado lembrou que tamén neste convenio, como en todos os que se van asinar proximamente con entidades sociais, existe unha cláusula pola que a Fundación será entidade colaboradora na oferta de traballos en beneficio da comunidade, alternativa que ofrece o Concello aos sancionados por consumo de alcohol na vía pública.

Compartir: