FACENDA

A Comisión Especial de Contas ratifica a Conta Xeral do exercicio 2011

04/09/2012 A Comisión Especial de Contas, reunida en Raxoi, deu o visto bo inicial á Conta Xeral 2011. Agora será publicada no Boletín Oficial da Provincia e, tras o período de exposición e de resolución de alegacións tamén en Comisión, será sometida á aprobación do Pleno municipal. Finalmente, remitirase ao Consello de Contas e ao Tribunal de Contas.

A concelleira de Facenda, Cecilia Sierra, xa presentara en rolda de prensa as principais cifras desta Conta Xeral 2011, que reflicte a imaxe global do Concello e das súas entidades dependentes dende un punto de vista contable, financeiro e patrimonial. A Conta constata unha mellora dos niveis de solvencia e unha redución do endebedamento, se ben se segue arrastrando un remanente negativo de tesourería, aínda que menor.

A liquidación recollida na Conta reflicte un resultado orzamentario positivo de 6.013.631 euros. Non obstante, o remanente negativo de tesourería rexistra un resultado negativo de -1.401.111 euros, se ben se reduciu en case un 50% este remanente negativo, que en 2010 fora duns 2,5 millóns de euros.

A estabilidade orzamentaria cifrada pola Conta Xeral establécese en 1.505.303 euros e o aforro neto en 6.237.303 euros. Outro aspecto a ter en conta é o dos indicadores orzamentarios e financeiros. Así, rexístrase unha mellora da autonomía total, pasando dun ratio de 0,69 a 0,88 respecto ao exercicio 2010. Igualmente, a autonomía fiscal mellorou dun 0,45 a un 0,52.

O dato negativo neste capítulo segue sendo o da liquidez inmediata, que diminuíu dun 0,37 a un 0,34. Pero positivo é o dato da solvencia, que se incrementou dun 1,36 a un 1,73. O endebedamento por habitante reduciuse, pasando dos 697,58 euros de 2010 aos 670,82 euros de 2011.

Compartir: