URBANISMO

O Concello de Santiago externalizará a tramitación das sancións urbanísticas en prol dunha maior eficacia

28/08/2012 A concelleira de Urbanismo, María Pardo, anunciou en rolda de prensa que o Concello vai recorrer á colaboración externa dunha empresa privada para reforzar as tarefas de disciplina urbanística, adxudicándolle a xestión das sancións neste ámbito. O principal obxectivo desta medida é favorecer a "eficacia" nesta materia, asegurando un maior nivel de cobro das sancións.

María Pardo indicou que se toma esta medida, en primeiro termo, dada a imposibilidade legal de contratación de novos funcionarios para os labores de disciplina urbanística. É máis, á vista da entrada en vigor das figuras da comunicación previa e das declaracións responsables en actividades e obras menores, vanse ver incrementados os traballos de inspección e disciplina urbanística, que si deben ser realizados por técnicos municipais.

A outra razón básica para externalizar este servizo é lograr a eficacia do mesmo. Neste sentido, a edil recordou que, no último exercicio, dos preto de 300 expedientes abertos, unicamente seis se concluíron e, polo tanto, se cobrou a sanción. Afondando nesta cuestión, apuntou a importancia que este Goberno municipal lle quere dar ao "escrupuloso" cumprimento da normativa urbanística. "É algo de xustiza con todos aqueles que fan as cousas ben dende o principio e cumpren coa normativa", indicou.

A concelleira amosouse convencida do "éxito" desta colaboración privada, que xa se aplica noutros departamentos, como o de tráfico. O contrato coa empresa privada non suporá desembolso para o Concello, xa que se financiaría a través dunha participación na recadación derivada das sancións impostas.

Colaboración na xestión
A adxudicataria colaborará na xestión das infraccións relacionadas coas seguintes normas: Lei de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, Ordenanza da Inspección Técnica de Edificacións (ITE), Ordenanza de publicidade e rotulación, Ordenanza de terrazas e quioscos de hostalería e infraccións derivadas do incumprimento do nivel máximo de ruído no caso de actividades comerciais ou mercantís.

A empresa non poderá exercer aquelas funcións que por Lei corresponden a funcionarios públicos, tales como as actas de denuncia, a resolución de expedientes ou a resolución de expedientes administrativos. Tamén quedan fóra do ámbito desta adxudicataria privada o inicio de expedientes no caso de actividades sen licenza, como poderían ser actualmente as do Polígono do Tambre. A empresa traballará en todo caso baixo a dirección e supervisión municipal.

Finalmente, María Pardo amosouse convencida de que este servizo será un "complemento necesario" á liberalización en materia de apertura de actividades que paulatinamente vén establecendo o Concello de Santiago no último ano. De feito, concluíu, "Santiago está no nivel máximo de liberalización legalmente posible en canto á apertura de novas empresas e negocios".

Documentos relacionados



Compartir: