EMPREGO

Emprego porá en marcha un plan de formación no ámbito de comercio exterior en colaboración coa Cámara de Comercio

27/08/2012 A concelleira de Emprego, Paula Prado, informou da vindeira posta en marcha dun plan de formación, en colaboración coa Cámara de Comercio, que ten como obxectivo dotar aos participantes das ferramentas teóricas adecuadas para que poidan levar a cabo accións de internacionalización de produtos, así como de manexo de novas tecnoloxías e TICs. Os cursos, que contarán cun investimento de 14.880 euros, terán lugar dende o 27 e 28 de setembro e estenderanse ao longo do último trimestre do ano.

Tal e como sinalou a concelleira, a formación que se vai levar a cabo xirará fundamentalmente en torno a temas de loxística, financiamento e comercialización de produtos no estranxeiro. Paula Prado apuntou a que "non só hai que producir produto galego, senón tamén hai que saber vendelo no exterior", polo que a utilización das novas tecnoloxías, do comercio electrónico e do comercio exterior son "ferramentas imprescindibles que hai que saber manexar nestes momentos", polo que a formación nestas materias é "fundamental".

Xa que logo, impartiranse cursos sobre entorno internacional e comercialización en comercio exterior; finanzas en comercio exterior; loxística en comercio exterior; fiscalidade en comercio exterior; negociación, contratación e TICs en comercio exterior e márketing. Ao tempo, terán lugar dous talleres formativos en habilidades e obstáculos clave na exportación e de internacionalización empresarial, así como tamén unha xornada de "coaching" empresarial.

Paula Prado avanzou este plan de formación na súa visita aos participantes do curso Xestión contable e xestión administrativa para auditoría, que actualmente se está a impartir nas instalacións do CERSIA en San Lázaro.

A concelleira de Emprego salientou que o certificado de profesionalidade ao que dará lugar este curso – que conta cun Nivel 3 (polo que se lle esixe o título de Bacharelato ou Formación Profesional aos participantes) – permitirá "acceder con mellores garantías ao mercado laboral ante eventuais oportunidades de postos de traballo".

Esta acción formativa, xunto cos cursos de Montaxe e mantemento de instalacións solares térmicas e o de Operacións de fontanería e calefacción-climatización doméstica impartidas no Centro de Formación Ocupacional Sanxuás de Aríns, están subvencionadas pola Consellería de Traballo e Benestar, investíndose nelas máis de 250.000 euros. Inclúen contidos teóricos e prácticos e 160 horas (un mes) de prácticas profesionais en empresas. Así, 15 firmas colaboran con estas iniciativas.

Estes cursos participan finalmente 45 persoas (15 por cada curso. A boa acollida desta acción quedou patente dende o primeiro intre, xa que se recibiron 50 candidaturas para cada curso, realizándose logo a selección en base a unha proba práctica e a unha entrevista. Os alumnos destes cursos serán logo colectivos preferentes á hora de acceder a futuras contratacións laborais.

Compartir: