MEDIO AMBIENTE

Recuperada para o uso peonil a ponte sobre o Sar no parque Eugenio Granell

23/08/2012 A concelleira de Medio Ambiente en funcións, Paula Prado, e o director de Augas de Galicia, Francisco Menéndez, visitaron o parque Eugenio Granell para supervisar as obras que se levaron a cabo na ponte que cruza o río Sar nesta área verde da cidade. Grazas a esta intervención púidose abrir de novo aos peóns a ponte, pechada no seu día pola subtracción da varanda.

Paula Prado agradeceu a colaboración de Augas de Galicia e da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas que, tal e como sinalou a concelleira, "sempre estiveron moi comprometidas con todas as cuestións que afectan ao Concello de Santiago", como son a licitación da redacción do proxecto da variante de Aradas ou cuestións relacionadas coa futura estación depuradora de augas residuais da Silvouta.

A edil incidiu de xeito especial neste último punto, sinalando que esta EDAR é "un dos principais retos da cidade" que contribuirá a mellorar "a calidade das augas dos ríos de Santiago", polo que agradeceu a estreita colaboración que se está a ter coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Ademais, Paula Prado salientou a importancia de seguir colaborando estreitamente con Augas de Galicia, de xeito especial naquelas cuestións relacionadas coa limpeza e acondicionamento das marxes dos ríos, e constatou a "boa disposición" existente por parte do ente autonómico.

Asemade, trasladou o agradecemento por parte do Concello xa que, con actuacións como as levadas a cabo na ponte do parque Eugenio Granell, implica que se poidan levar a cabo outras actuacións que contribúan a seguir mellorando a calidade de vida e benestar de todos os composteláns grazas ó aforro que supón.

Neste sentido, a concelleira sinalou que iniciativas municipais como é o proxecto de implantación de 150 hortas urbanas entre o Paxonal e o vieiro Clara Campoamor, permitirá incluír esta zona na área de mantemento de parques, polo que favorecerá que se mellore enormemente o acondicionamento das marxes do río Sar.

Pola súa banda, o director de Augas de Galicia, Francisco Menéndez sinalou que esta actuación resulta "simbólica" das moitas que está a levar a cabo o ente autonómico en colaboración cos concellos galegos, fundamentais para mantemento e conservación en bo estado das marxes fluviais é moi importante.

Documentos relacionados



Compartir: