BENESTAR SOCIAL

Paula Prado loa o traballo de COGAMI no eido das empresas de economía social

22/08/2012 A concelleira de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego, Paula Prado, visitou no Polígono do Tambre as instalacións do centro de reciclaxe TRAMEVE, un centro especial de emprego que forma parte do grupo empresarial que ten a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI). Este complexo dedícase á reciclaxe ecolóxica de pezas de vehículos fóra de uso.

A concelleira foi recibida polo vicepresidente de COGAMI, Ramón Sestayo; o coordinador de Áreas de COGAMI, David Silva; e o xerente de TRAMEVE, Luis Penido. Xuntos realizaron un percorrido polas instalacións deste centro especial de emprego no que traballan 12 persoas, todas elas con discapacidade.

Tras a visita, Paula Prado, expresou o seu recoñecemento cara "o traballo que se está a facer dende COGAMI, dende as empresas de economía social, que en Santiago contan con máis de 100 traballadores". "TRAMEVE é un exemplo de que nestes tempos de crise hai dúas direccións nesta economía social: dar traballo a persoas con discapacidade e, por outra banda, ofrecer un servizo á cidadanía", engadiu.

Neste sentido, insistiu en felicitar a COGAMI polo seu "labor social cara a xente que esta a pasar por unha situación económica complicada e que, neste caso concreto de TRAMEVE, ademais, permite comprar recambios para os vehículos a un prezo moi axeitado, cumprindo tamén unha función medioambiental importantísima".

TRAMEVE dedícase ao despece ecolóxico de automóbiles fóra de uso por sinistro ou por fin de vida útil. Iniciou a actividade en 2000 a partir dun proxecto europeo que tiña por finalidade formar a persoas con discapacidade física nas técnicas de desmonte e descontaminación de vehículos.

As instalacións, de 13.000 metros cadrados, acollen preto de 100.000 pezas almacenadas e identificadas. Dispón arestora de 650 vehículos listos para poder ser despezados na súa totalidade, xa que TRAMEVE permite que o cliente poida obter tanto unha pequena peza de recambio como pode ser unha manixa, ata unha máis complexa, coma un motor enteiro.

Este ano ampliáronse as instalacións coa construción e habilitación dun andar superior de 1.500 metros cadrados destinados a estantes de almacenamento de pezas.

Cando TRAMEVE botou a andar, fíxoo con cinco persoas contratadas. Actualmente son xa doce, todas elas con discapacidade. Así, polo tanto, ademais de coidar o medio ambiente, a empresa tamén cumpre cunha finalidade social ao empregar a persoas que teñen discapacidade, podendo ser esta tanto física como intelectual. Ademais, é unha empresa que axuda á clientela, porque pode mercar pezas en perfecto estado de conservación a un prezo máis económico.

TRAMEVE é unha das sete empresas sociais que forma parte do grupo empresarial que ten COGAMI en Santiago e que empregan a preto de 100 persoas na comarca compostelá. En Galicia, o número de traballadores do grupo ascende a 500. Todas estas empresas son centros especiais de emprego, de xeito que a maior parte do cadro de persoal, un 90%, son persoas con discapacidade ou incapacidade laboral recoñecida.

Documentos relacionados



Compartir: