FESTAS

Todo listo para o agardado concerto de Tom Jones na praza da Quintana

21/08/2012 O concelleiro de Festas, Francisco Noya, confirmou que xa está todo ultimado para o concerto que Tom Jones ofrecerá na praza da Quintana o luns 27 a partir das 22:30 horas. A penas quedan 500 entradas das 3.000 postas á venda, moitas delas adquiridas por persoas de diversas partes de España, o que dá conta da expectación creada por esta actuación, a única do cantante galés na Península no marco da súa actual xira.

Tom Jones chegará a Santiago o mesmo luns do concerto, totalmente recuperado da afección respiratoria que lle impedira tocar o 26 de xullo. De feito, acaba de actuar en dous días consecutivos no V Festival británico. O cantante chegará á cidade despois de actuar en Dublín, segundo explicou David Lago, da produtora Sweet Nocturna.

Este comentou tamén a "pena" que lles causara ter que devolver os cartos dunhas 300 entradas de xente que non podía acudir a Santiago nesta nova data. Non obstante, esta cifra quedou compensada polas adquiridas para este 27 de agosto, de tal xeito que, a seis días de concerto, se venderon máis entradas que para o concerto de xullo a estas alturas. O voceiro da produtora destacou o feito de que en torno ao 15% das entradas se venderon a xente de fóra de Galicia.

Quedan unhas 500 entradas por vender, das que a maioría se corresponden con prazas de pé, xa que quedan moi poucas das 1.000 reservadas para cadeiras. Finalmente, Lago agradeceu ao Concello o "enorme esforzo" realizado polo Concello na produción do anterior concerto e deste novo.

Falando precisamente de produción (escenario, son, catering...), Francisco Noya, lembrou que moitos dos gastos do concerto aprazado non se devengaron no seu día, polo que "en ningún caso se duplicaron os gastos". Neste sentido, cuantificou nuns 20.000 euros os gastos a maiores que supuxo o aprazamento para o Concello, pero "tendo en conta que se organizaron dous novos concertos, o de Aerolíneas Federales ese mesmo día, e o concerto folk que haberá o martes 28, para o cal se aproveitará a montaxe do día anterior". Confirmando este esforzo, o responsable da produción desta actuación, Carlos Boado, apuntou que coa suspensión do concerto de xullo "se cancelaron sen custo o 80% dos servizos":

O concelleiro de Festas salientou tamén que a produción deste concerto de Tom Jones "correspondeu 100% a empresas galegas, inscritas na Asociación Galega de Empresas de Servizos para Eventos". A estas empresas agradeceu a súa implicación e redución ao mínimo dos custos, tendo presente as especiais circunstancias da cancelación do concerto de xullo. Así, explicou que estas firmas só cobrarán para este concerto o custo de persoal e transporte.

As entradas seguen a venda en Ticketmaster e Servinova, reforzándose o despacho de billetes do Teatro Principal o sábado e domingo previos ao concerto tamén de 18:00 a 21:00 horas.

Concerto folk
Ao igual que se aposta por empresas galegas para a produción, Francisco Noya, reiterou o compromiso da súa concellaría coa "xente do país", recordando o éxito dos concertos de folk programados de balde durante as Festas do Apóstolo. Na liña desta aposta está tamén o concerto que se celebrará o martes 28 de agosto, organizado por La Voz de Galicia en colaboración co Concello de Santiago, que se fai cargo tamén da produción do evento, rendibilizando así o esforzo da produción do concerto de Tom Jones.

O certame contará, dende as 19:00 horas, na praza da Quintana, coas actuacións de Kérkenai, Pablo Seoane Grupo, Saltanocribo, Carapaus e O Recobio de Vaamonde. Ademais, dende as 17:00 horas, haberá diversos obradoiros gratuítos de percusión, baile tradicional, confección de xoguetes ou xogos tradicionais.

Compartir: