URBANISMO

O Concello modificará puntualmente o PXOM para clarificar e flexibilizar as interpretacións restritivas dalgúns artigos

20/08/2012 A concelleira de Urbanismo, María Pardo, anunciou a modificación puntual de catro artigos do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), co obxecto de clarificar algúns deles, suxeitos a diferentes interpretacións técnicas, e para flexibilizar outros que resultaban máis restritivos que a normativa autonómica na materia. Así, os cambios afectarán a aqueles inmobles fóra de ordenación parcial e ás alturas dos locais comerciais.

No que se refire ás alturas do baixos comerciais, modificarase o artigo 109 do PXOM. Segundo explicou a concelleira, este punto daba lugar a diferentes interpretacións, aplicándose actualmente a máis restritiva. Así, esixíase aos locais comerciais existentes antes da entrada do Plan en 2008 unha altura de 2,5 metros e, no caso de locais de máis de 1.000 metros cadrados, unha altura de 3,5 metros.

Coa modificación, esixirase unha altura de 2,5 metros e o cumprimento das normas das diferentes normas sectoriais (incendios, seguridade laboral, etc). Coa eliminación desta aplicación restritiva para os locais de máis de 1.000 metros cadrados preténdese, en palabras de María Pardo, "facilitar a conservación dos locais e a actividade económica nos mesmos". Neste sentido, referiuse a diversos locais do Ensanche compostelán que deben estar pechados a día de hoxe debido á actual redacción.

No caso de novos locais, seguirase mantendo a esixencia dos 3,5 metros de altura para locais de máis de 1.000 metros cadrados.

Inmobles fóra de ordenación parcial
A outra modificación afectará aos artigos 218, 219 e 220 do PXOM, nos que, segundo indicou a concelleira, se fai unha aplicación máis restritiva que na Lei de Ordenación Urbanística e de Protección do Medio Rural de Galicia (LOUGA) no relativo aos inmobles fóra de ordenación parcial, "asimilando" na práctica determinadas construcións como fóra de ordenación total, isto é, permitindo unicamente nelas labores de conservación e mantemento. "Isto obriga tamén ao derrubo destes fóra de ordenación para o exercicio de dereitos que poidan ter recoñecidos", dixo a edil.

María Pardo puxo un exemplo práctico para explicar situacións que se poden producir coa redacción restritiva do actual PXOM. "Un edificio que ten unha profundidade de 12 metros e entra dentro dunha ordenanza na que a profundidade é de 10 metros, e ten baixo máis dous, podendo ter baixo máis catro, tería que derrubar eses dous metros que ten de máis". Explicou que a LOUGA non obriga a ese derrubo, pero o PXOM si.

Estas modificacións xa foron remitidas á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para que emita o seu informe de non necesidade de avaliación ambiental estratéxica. Logo serán aprobadas inicialmente polo Pleno e, tras o período de exposición pública e resolución de alegacións, volverán ao mesmo para a aprobación provisional. O visto bo definitivo corresponderá á Consellería. A edil estimou o tempo de tramitación destes cambios nuns catro meses.

Documentos relacionados



Compartir: