EMPREGO

Emprego imparte máis de 1.800 horas de formación en tres novas accións

17/08/2012 A concelleira de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego, deu conta do inicio de tres novas accións formativas, nas que se impartirán máis de 1.800 horas lectivas ata o mes de decembro. Trátase dos cursos denominados Montaxe e mantemento de instalacións solares e térmicas, Operacións de fontanería e calefacción-climatización e Xestión contable e xestión administrativa para auditoría.

Paula Prado salientou a boa acollida que tiveron estes cursos, nos que participan finalmente 45 persoas (15 por cada curso). Non obstante, recibíronse 50 candidaturas para cada curso, realizándose logo a selección en base a unha proba práctica e a unha entrevista. Os alumnos destes cursos serán logo colectivos preferentes á hora de acceder a futuras contratacións laborais.

Estas tres accións formativas están subvencionadas pola Consellería de Traballo e Benestar, investíndose nelas máis de 250.000 euros. Inclúen contidos teóricos e prácticos, e 160 horas (un mes) de prácticas profesionais en empresas. Así, 15 firmas colaboran con estas iniciativas.

Do curso de Montaxe e mantemento de instalacións solares térmicas, a edil explicou que a súa cualificación é de Nivel 2, isto é, dirixido a persoas que teñan cando menos o Ensino Secundario Obrigatorio (ESO). O seu obxectivo principal é de "reorientación profesional" para traballadores procedentes do sector da construción.

Tamén ten un fin de busca de novas posibilidades profesionais o curso de Operacións de fontanería e calefacción-climatización doméstica. Neste caso, trátase de orientar a estes traballadores á realización de obras menores. Para este curso, de Nivel 1, unicamente se esixía o Certificado de Estudios. Ademais, os 15 participantes están suxeitos a un Itinerario Persoal de Inserción (IPI), de xeito que perciben 400 euros ao mes.

O último dos cursos, de Xestión contable e xestión administrativa para auditoría está xa nun Nivel 3, polo que se esixe Bacharelato ou Formación Profesional. Esta acción impártese no CERSIA, mentres que as outras dúas realízanse no Centro de Formación Ocupacional de Sanxuás de Aríns.

Documentos relacionados



Compartir: