ALCALDÍA

Santiago de Compostela renovou a súa devoción por San Roque

16/08/2012 Como cada 16 de agosto, a cidade renovou o seu voto a San Roque nun acto ao que asistiu boa parte do Goberno municipal e que estivo presidido polo alcalde compostelán, Angel Currás.

A misa solemne e a ofrenda serviron para renovar a devoción cara un San Roque que, segundo a tradición, salvou a Compostela das epidemias que a ameazaban. Neste día festivo na cidade, a Confraría de San Roque organizou varias celebracións eclesiásticas e a habitual procesión da imaxe do santo polas rúas compostelás.

Tras a cerimonia relixiosa, o alcalde recordou que San Roque é co-patrón da cidade e a longa tradición que este santo ten en Galicia, da que dan conta as festas en numerosas vilas.

A historia remóntase ao século XVI, cando varias pestes asolaron a cidade. Despois de oito meses dunha forte epidemia, no ano 1517 o Cabildo e os rexedores de Santiago decidiron alzar na entrada da cidade a capela dedicada a San Roque tentando así frear a epidemia. Pasada a peste, os gobernadores da cidade esqueceran os votos ata que no 1570 un novo brote ameazara á poboación. Finalmente, a construción da capela rematara no 1576 e, ao seu carón, monseñor Francisco Blanco ordenara levantar un hospital para enfermos contaxiosos. A igrexa de San Roque foi rehabilitada hai uns anos polo Consorcio da Cidade.

Documentos relacionados



Compartir: