TURISMO

Reparada a senda peonil do Camiño de Santiago entre A Esquipa e San Marcos

14/08/2012 A alcaldesa en funcións e concelleira de Turismo, Reyes Leis, e a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, percorreron un treito do Camiño de Santiago (Camiño Francés) comprendido entre o Lugar do Pontillón, á marxe do río Lavacolla, ata San Marcos, co fin de comprobar de primeira man o estado das obras de rehabilitación levadas a cabo nesa área por parte da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo dentro do termo municipal de Santiago de Compostela.

Reyes Leis, que tamén estivo acompañada polo concelleiro de Barrios, Juan de la Fuente, incidiu na necesidade de seguir traballando conxuntamente coa Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, polo que avanzou que se está a traballar na posta en marcha por vez primeira dun convenio de colaboración entre o Concello de Santiago e o devandito organismo para o mantemento e limpeza dos vieiros, coa fin de mellorar o servizo prestado aos peregrinos.

As obras de rehabilitación afectan a un treito cunha lonxitude de 4.894 metros entre os lugares da Esquipa e San Marcos, no Concello de Santiago de Compostela. Esta actuación consistiu na reparación do firme dunha senda peonil – a base de zahorra seleccionada, estabilizada con cemento e cal- paralela ó viario polo que discorre o tráfico rodado na zona, de xeito tal que os peregrinos o poidan transitar con plena seguridade.

Estas obras, presupostadas en 28.479 euros, tamén incluíron a limpeza e desbroce das marxes do camiño, un dos tramos máis transitados posto que nel conflúen varias rutas de peregrinaxe a Compostela.

Camiño Francés
O Camiño Francés recibiu ao longo dos sete primeiros meses do ano 2012 un total de 69.643 peregrinos que gañaron a Compostela, fronte aos 67.452 do mesmo período do ano 2011, o que supón un incremento do 2,42 por cento.
Ademais, este Camiño foi percorrido no ano 2011 por 153.065 persoas que obtiveron a Compostela, fronte aos 113.001 do ano 2009. No Ano Xacobeo de 2010, foron 189.212 as persoas que se achegaron ata Santiago de Compostela polo Camiño francés.

Compartir: