ECONOMÍA

A Concellaría de Economía, Comercio, Turismo e Mercados unifica os seus servizos web en torno ao CERSIA Empresa

13/08/2012 A concelleira de Economía, Reyes Leis, presentou a web www.cersiaempresa.org, web da Concellaría de Economía, Comercio, Turismo e Mercados que será a principal plataforma de intermediación e información para a cidadanía en materia de economía, comercio e mercados.A concelleira estivo acompañada da técnica responsable do servizo de Economía do Concello, Carme Casado. A nova web estará activa a partir do mércores 15.

A web www.cersiaempresa.org supón unha reformulación da web municipal www.maiscompostela.org para que esta reflicta a estrutura actual da Concellaría de Economía, Comercio, Turismo e Mercados. Ao mesmo tempo preténdese que esta web constitúa un espazo virtual que reflicta o traballo realizado no edificio CERSIA Empresa edificio municipal para a dinamización económica da cidade. Aproveitando a estrutura da antiga web, a súa renovación non supón un custe adicional para o Concello de Santiago. "Queremos que a web do CERSIA sexa un instrumento de apoio á actividade empresarial, sen equívocos", explicou Reyes Leis respecto ao cambio de denominación.

Visualmente, a nova web aproveita parte da estrutura da anterior. Segundo indicou Carme Casado, unha das novidades neste sentido é que a parte antes ocupada por Emprego (agora ligada a outra concellería) pasa a ser ocupada por Mercados. "A nosa aposta aquí non é só a información dirixida aos comerciantes, senón fundamentalmente a promoción do uso dos mercados de Santiago pola cidadanía", indicou Carme Casado.

Ademais, asociada a esta web créase a dirección de correo electrónico cersia@santiagodecompostela.gal como conta xenérica da Concellaría para a resolución de dúbidas, a participación en actividades organizadas pola mesma ou a petición de espazos no propio edificio por parte de entidades económicas e empresariais.

Sobre a plataforma web cargaranse non vindeiros meses distintas utilidades que permitirán a prestación de servizos da área de economía dun xeito non presencial, coa idea de facilitar o acceso da cidadanía aos recursos xerados no traballo de apoio ao empresariado e persoas emprendedoras da cidade do Santiago Investors Support.

As persoas interesadas en recibir de xeito periódico información sobre as actividades que se organizan no CERSIA Empresa, poden tamén subscribirse á nova web para recibir no enderezo electrónico que faciliten toda a información sobre convocatorias, actividades e eventos organizados pola Concellaría de Economía. Para máis información, o número de teléfono é o 981 542 493.

Documentos relacionados



Compartir: