EDUCACIÓN

Máis de 500 nenos e nenas participaron nas visitas didácticas á exposición "Inventos xeniais. Heroes ocultos. Obxectos cotiáns"

03/08/2012 Máis de 500 nenos e nenas da Escola Municipal de Verán de Inglés, Escolas Municipais de Verán, Asociación Sarela, usuarios do Hospital de Día de Conxo ou Asociación Aspanaes, entre outros, participaron no programa de visitas didácticas arredor da exposición . A mostra permanecerá aberta no Pazo de Fonseca ata o 29 de agosto.

Esta exposición reúne un conxunto de obxectos cotiás fabricados de maneira masiva, que seguen a ser indispensables no día a día, demostrando a súa valía unha e outra vez aínda que permaneceran inalterables durante décadas. Estes obxectos, en tanto que produtos industriais, encarnan ideais da modernidade: economía de materiais, funcionalidade e durabilidade.

Coas pezas, imaxes e vídeos, a exposición pretende amosar catro aspectos especialmente interesantes:

- A innnovación: a fascinante historia da invención destes obxectos.
- A produción: as condicións técnicas da súa exitosa fabricación a grande escala.
- A evolución: o seu desenvolvemento histórico e a diversidade de modelos e variantes que xeraron.
- A inspiración: a súa estética segue a estimular o traballo de artistas e deseñadores.

Durante os días que permaneza a exposición en Santiago haberá visitas dinamizadas mediante uns talleres didácticos deseñados polo Laboratorio das Artes da Fundación "la Caixa", levados a cabo por monitores da Concellería de Educación.

Esta proposta forma parte da liña de colaboración estable entre a Concellería de Educación, a Universidade de Santiago e a Fundación "la Caixa". Esta cooperación permitiu contar en Santiago con diferentes actividades e exposicións, nas que teñen participado centros de ensino, profesorado, familias e cidadáns en xeral.

Compartir: