MOBILIDADE

Iníciase o prazo de recollida de tarxetas de aparcamento para os veciños de San Pedro

02/08/2012 O concelleiro de Mobilidade e Tráfico, Albino Vázquez, anunciou que, dende o venres 3 de agosto, os veciños do barrio de San Pedro (zona 3) que dispoñan da tarxeta de estacionamento de residente de zona verde deberán pasar a recoller a nova tarxeta que substitúe á anterior. Neste barrio deberán cambiarse 1.180 tarxetas

Poderán recoller a nova tarxeta todas aquelas persoas que sigan cumprindo os requisitos esixidos na Ordenanza, é dicir, estar empadroados persoa e coche no mesmo domicilio para o cal obtiveron a súa primeira tarxeta. Aínda que non é necesario achegar unha nova documentación, dende o Concello fíxose unha revisión de todas as tarxetas entregadas e anuláronse aquelas que a día de hoxe non cumprían algún dos dous requisitos mencionados anteriormente.

A recollida farase no Departamento de Tráfico, situado na Costa do Cristo, 1ª planta, de luns a venres en horario de 9:00 a 13:00 horas. A entrega farase á persoa interesada ou autorizada, e para iso só será necesario a presentación da anterior tarxeta xunto co DNI.

Os veciños das zonas 1 e 2, Pontepedriña e Vite-Guadalupe, poden seguir recollendo as súas correspondentes tarxetas de aparcamento. Sobre a marcha do proceso, o concelleiro apuntou que xa se recolleron preto de 400 das 485 de Pontepedriña, e 470 das 981 de Vite e Guadalupe. En palabras de Albino Vázquez, a entrega de taxetas vai a "bo ritmo", tendo en conta que se trata do verán, e agarda que a finais de setembro poida estar concluído o proceso de entrega nas zonas verdes actuais.

Tamén anunciou que se está a estudar a posibilidade de instalacións de zonas verdes nalgunha rúa de Vista Alegre e no barrio de Santa Marta. Adiantou igualmente que se creará unha zona azul na avenida de Ferrol, cando menos no tramo máis próximo á avenida de Romero Donallo.

A entrega ao resto dos barrios que dispoñen de distintivo de zona verde farase por orde correlativa en función da zona e anunciarase previamente. En calquera caso, toda a información actualizada pode consultarse nesta páxina web e na Oficina de Atención ao Cidadán (rúa Salvador Allende).

Controis
Albino Vázquez indicou que os controis que se están xa realizando a modo de proba demostran que na orde dun 30% dos vehículos estacionados en zonas verdes estano irregularmente. Por iso, a partir desta semana e antes de comezar a sancionar, os controladores deixarán nos parabrisas dos vehículos un cartel informativo advertindo do aparcamento irregular. "A idea é concienciar á xente, non hai presa en sancionar, senón en que o estacionamento funcione", dixo.

Tarxetas de residentes por municipio
Respecto das novas tarxetas de residentes por municipio ou por motivos laborais, o edil apuntou que haberá que esperar probablemente ao Pleno de setembro para que se poidan aprobar as taxas de expedición destes documentos. Unha vez se determine a taxa, comezará o procedemento para solicitar estas tarxetas.

Compartir: