BENESTAR SOCIAL

Trinta menores participaron nas clases de apoio do programa Alternativa Activa

02/08/2012 O Equipo de Dinamización Social Urbana Santiago Norte-Servizos Sociais, en colaboración coa Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes (UMAD) levou a cabo durante o mes de xullo o programa Alternativa Activa, de apoio escolar no verán. Esta acción permitiu axudar as familias do municipio na educación dos seus fillos e fillas, reforzando os contidos traballados durante o curso escolar 2011-2012.

O proxecto presentouse coma unha medida de atención á diversidade, co obxectivo principal de responder ao baixo rendemento dos escolares e atender as súas necesidades educativas e sociais, preparándoos, durante o verán, para o vindeiro curso. A iniciativa, totalmente gratuíta, dirixiuse ao alumnado de Primaria, ESO e Bacharelato, e foi aproveitada por uns 30 menores de entre 11 e 17 anos.

As clases de apoio escolar foron impartidas por unha mestra co apoio do Equipo de Dinamización Social Urbana Santiago Norte-SS.SS durante todo o mes de xullo, en horario matinal de 10:00 a 13:30 horas no Centro Sociocultural da Trisca. Nas sesións proporcionáronse ferramentas de aprendizaxe e de apoio escolar nas diferentes materias.

Paralelamente a este traballo de apoio académico, traballáronse cos participantes aspectos tan importantes coma o respecto pola diversidade, técnicas de estudo, traballo en equipo, a responsabilidade e a organización persoal.

Esta iniciativa está incluída na medida denominada Programas de dinamización social, igualdade de oportunidades, formación e educación de colectivos en risco de exclusión, no marco do Proxecto Urbana Santiago Norte, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Compartir: