FACENDA

O Goberno municipal solidarízase cos funcionarios e non percibirá a paga extraordinaria do Nadal

01/08/2012 A concelleira de Facenda e Orzamentos, Cecilia Sierra, anunciou a decisión do alcalde e dos concelleiros de non percibir a paga extra de Nadal, sumándose así á medida imposta dende o Goberno central para os funcionarios. A medida suporá un aforro para arcas locais de 23.491 euros.

Cecilia Sierra indicou que esta medida se adopta en "solidariedade" cos funcionarios municipais neste "momento complicado". A edil agarda que tamén os grupos municipais da oposición se sumen a esta medida e prescindan da súa paga extra, de tal xeito que se aforrarían outros 6.000 euros. A supresión da paga extra do Nadal suporía, aplicado a todo o persoal do Concello de Santiago, un aforro de 1.234.333 euros, dos que 943.466 corresponderían aos funcionarios, e 213.803 euros ao persoal laboral. A isto sumaríase o devandito aforro de 28.833 euros en concelleiros, 1.311 euros da paga extra do alcalde, 31.104 euros de traballadores temporais, 13.007 euros de eventuais e 1.807 euros de postos subvencionados.

En calquera caso, non descartou que o Goberno local poida tomar a decisión de rebaixar novamente os salarios de alcalde e concelleiros (xa se realizara anteriormente). Neste sentido, lembrou que os gastos en salarios do Goberno municipal xa se reduciran, tanto no que se refire a órganos de Goberno como a persoal de confianza ou ao mesmo alcalde. Así, o gasto en salarios (incluída a Seguridade Social) dos órganos de Goberno baixou dos 1.003.003 euros de 2010 aos 888.491 euros en 2012, e o gasto en persoal eventual pasou de 1.016.438 euros a 721.985 euros nos referidos exercicios. No caso do alcalde, o gasto baixou dos 79.931 aos 74.046 euros. Tamén se está a estudar a posibilidade de non suprimir a paga de Nadal a aqueles traballadores con retribucións máis baixas.

De ser necesario que a medida sexa aprobada en Pleno, levaríase á orde do día da sesión de setembro. E sobre o destino deste aforro, Cecilia Sierra indicou que se decidirá unha vez se vaian tendo as primeiras previsións de liquidación do orzamento 2012.

Compartir: