SERVIZOS

O portal web municipal ofrecerá novos servizos ós cidadáns

03/05/2006 Unha nova aplicación informática permitirá en breve a publicación de novos servizos a través da carpeta cidadá do portal web do Concello. Deste xeito, darase un paso máis cara a conseguir unha oficina de atención virtual cada vez máis completa e con maiores facilidades para o usuario.

O pasado ano 2005 púxose en marcha por primeira vez un apartado denominado Carpeta Cidadá, que permite ós cidadáns, unha vez identificados mediante o uso dun PIN e unha clave de acceso, realizar diversos trámites en liña. Dende entón, os distintos departamentos do Concello viñeron traballando para estar en condicións de ofrecer novos trámites ós cidadáns.

Coa nova aplicación, poderanse realizar novas xestión a través da páxina web, tales como a simulación de cálculo de plusvalías; as autoliquidacións de vehículos ou de licenzas; a xestión automatizada de avisos ós cidadáns sobre padróns ó cobro, pase a executiva ou apremios; as xestións de cita previa ou a consulta do estado dun expediente.

O actual portal do Concello de Santiago é un proxecto vivo e en evolución, que intenta reflectir os novos servizos e a información que se xera nos distintos departamentos. O espazo web incorpora de xeito organizado grandes cantidades de información sobre o funcionamento e os servizos do Concello, e facilita a actualización de elementos dinámicos.

Compartir: