BENESTAR SOCIAL

Comeza o VI Obradoiro de Educación Familiar

05/04/2005 O programa desenvolverase en oito sesións, desde o 6 de abril ata o 25 de maio de 2005, co obxecto de reforzar o traballo educativo que se está a levar a cabo coas familias participantes no Programa de Intervención Familiar.

O equipo de Intervención Familiar pon en marcha o sexto Obradoiro de Educación Familiar, que se enmarca dentro do Programa de Intervención Familiar municipal. Este programa desenvolverase en oito sesións dende o 6 de abril ata o 25 de maio de 2005, pola mañá e pola tarde, no Centro Sociocultural de Fontiñas.

Nesta sexta edición combinaranse dúas formas de traballo: sesións dinámicas e seminarios levados a cabo por profesionais especialistas en cada unha das áreas nas que se traballarán. Estas son: relacións sociais, alimentación, saúde, organización de tempo e tarefas, educación e laboral-formativa.

As sesións pretenden ser un reforzo do traballo levado a cabo de forma individual no marco do programa de Intervención Familiar, que se desenvolve dentro dos fogares. O programa persegue varios obxectivos:

-Facilitar aos participantes diferentes habilidades sociais e pautas educativas axeitadas
-Coñecer aspectos básicos dunha dieta equilibrada e dunha alimentación axeitada como medida de prevención de enfermidades.
-Concienciarse da importancia da prevención para á saúde e dunha axeitada organización doméstica.
-Coñece-lo papel da escola na formación das persoas e na futura inserción socio-laboral dos nenos así como a importancia da relación pais-escola.
-Fomentar relacións axeitadas entre os membros da familia.
-Concienciar aos participantes da importancia da formación na busca de emprego e asesoralos sobre as canles de inserción laboral.

O calendario de sesións é o seguinte:
-Dinámica de grupo sobre habilidades sociais : Mércores 6 Abril.
-Seminario sobre pautas educativas: Mércores 13 de Abril.
-Dinámica de grupo sobre organización do tempo e tarefas: Mércores 20 de Abril.
-Seminario sobre os dereitos e deberes dos arrendatarios de vivendas: Mércores 27 de Abril.
-Dinámica de grupo sobre prevención de drogodependencias: Mércores 4 de Maio.
-Seminario sobre nutrición: Mércores 11 de Maio.
-Dinámica de grupo relativa á Área educativa: Mércores 18 de Maio.
-Seminario sobre técnicas de busca de emprego: Mércores 25 de Maio.

As sesión desenvolveranse en horario de mañá (de 10.30 a 12.00 horas) e de tarde (de 16.00 a 17.30 horas). Aquelas familias que queiran acudir con nenos poden facelo, xa que se realizará un obradoiro paralelo para os pequenos.

Compartir: