CENTROS SOCIOCULTURAIS

O alcalde viviu unha xornada de xogos populares con 80 nenos e nenas grazas ao programa "Vive o verán"

27/07/2012 O alcalde compostelán, Ángel Currás, gozou dunha xornada de xogos populares na Casa das Asociacións de Cornes xunto con 80 nenos da cidade poñendo a proba a súa destreza coa chave ou a petanca grazas ao programa Vive o verán 2012.

Na visita, na que tamén participaron os concelleiros de Centros Socioculturais, Francisco Noya; e de Barrios, Juan de la Fuente, o rexedor compostelán comprobou de primeira man a boa acollida que ten na cidade esta proposta lúdica, que busca achegar a tradición dos xogos populares aos máis pequenos.

De feito, esta iniciativa, que conta coa participación da Asociación de Xogos Populares e Tradicionais, tivo unha primeira quenda o pasado 13 de xullo, onde xa participaron 150 rapaces e rapazas da contorna compostelá.

Ademais, Ángel Currás fixo entrega dos diplomas acreditativos aos participantes nesta xornada, onde se comprobou a destreza con xogos tradicionais como a chave, a estornela, os sacos, os bolos celtas, a petanca ou o tirachinas.

Esta actividade forma parte da liña de traballo do Concello de Santiago de ofrecer propostas lúdicas e de aprendizaxe durante a época estival a todos os nenos e nenas de entre 4 e 12 anos. Neste sentido, o programa Vive o verán 2012, que comprende un total de 15 actividades -algunhas delas habituais durante todo o ano na rede de centros socioculturais composteláns e outras preparadas de xeito específico para a tempada de verán-, é unha aposta máis do Concello de Santiago pola conciliación familiar e laboral, cun total de 210 prazas, que se suman ás outras 515 prazas ofertadas pola Concellería de Educación dentro das iniciativas Escolas de Verán e Escola de Verán de Inglés.

Compartir: