PARQUES E XARDÍNS

Entregados os premios aos mellores balcóns

27/07/2012 A concelleira de Medio Ambiente, María Castelao, entregou os premios aos gañadores do IV Concurso de Balcóns, convocado polas concellarías de Medio Ambiente e de Urbanismo e que, neste edición, abríase por primeira vez a todo o termo municipal. O xurado e o público elixiron os mellores balcóns do Casco Histórico, do resto do municipio e tamén dos establecementos hostaleiros.

No Casco Histórico, a gañadora foi Ángeles Mera Costas, polo seu balcón na rúa Travesa 11 - 2º, mentres que o segundo premio recaeu en Eladio Cortizas de Castro (rúa San Pedro 11 - 1º). O galardón do público, con 130 votos recibidos, levouno tamén Ángeles Mera.

Antonio Cimadevila Covelo (rúa Antonio Casares, 5), gañou na categoría de balcóns do resto do municipio. Como segunda clasificada, o xurado elixiu o balcón de Purificación Casal Giadanes na rúa Concheiros 19 -1º. O premio do público, con 49 votos, foi para esta última.

Finalmente, na categoría de establecementos hostaleiros, o primeiro premio foi para o Hotel Miradoiro de Belvís, situado na rúa das Trompas, 5. En segundo lugar quedou o Hotel Costa Vella (rúa Porta da Pena, 17). O público outorgou o seu premio, con 310 votos, a A Curtidoría, na rúa da Conga, 2-3.

O gañador en cada unha das categorías recibiu o seu diploma e un obsequio floral valorado en 175 euros, mentres que galardón para os segundos clasificados estaba cuantificado en 100 euros. O premio do público foi tamén de 100 euros.

Do 8 ao 30 de xuño, os balcóns participantes exhibiron do 8 ao 30 de xuño o distintivo que os identificaba como participantes. O xurado valorou os distintos balcóns, pero tamén o público puido emitir os seus votos a través do espazo específico creado nesta páxina web, no que se exhibiron as fotografías dos balcóns a concurso.

Os premios estiveron patrocinados pola concesionaria do mantemento de parques e xardíns, Cespa. O xurado integrárono as concelleiras de Cidade Histórica e de Medio Ambiente, e por dous técnicos de cada un destes departamentos. Valoráronse aspectos como o estado de conservación, a orixinalidade, a harmonía no crecemento das plantas, a combinación de cores...

Documentos relacionados



Compartir: