TURISMO

Santiago sumou en xuño por segundo mes consecutivo máis pernoctacións de turistas estranxeiros que españois

26/07/2012 Por segundo mes consecutivo, Santiago rexistrou en xuño un maior número de pernoctacións internacionais que domésticas, despois de que maio fose o primeiro mes da serie histórica no que se producía esta circunstancia, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE). As pernoctacións internacionais aumentaron un 28,14% respecto do mes de xuño de 2011. As 57.638 pernoctacións internacionais son a cifra máis alta alcanzada nun mes de xuño, superando incluso as alcanzadas no Ano Santo 2010.

Pola contra, o turismo doméstico continúa a verse afectado pola crise económica que atravesa España e que está impactando a todo o sector turístico do país, de tal xeito que o número de pernoctacións nacionais na cidade diminuíu dun modo importante. No mes de xuño houbo 55.910, un descenso do 21,43% respecto do mesmo mes do ano pasado, e que fan de xuño o peor mes da serie histórica en pernoctacións domésticas. Sumando ambas categorías, Santiago chegou ás 113.548, un 2,23% menos que en 2011.

Con estes datos do INE, no mes de xuño confírmase a tendencia que está a vivir a demanda turística da cidade neste ano: aumento do turismo internacional, alcanzado as mellores cifras dende que o INE recolle estes datos, e descenso do turismo doméstico, que pola contra ten os peores datos da serie histórica. Así, no primeiro semestre o turismo internacional sumou 179.153 pernoctacións, un 17,19% máis que no 2011, sendo o mellor primeiro semestre da serie. O turismo doméstico sumou 286.900, sendo o peor da serie.

Estes datos son consistentes cos datos que se producen tanto no aeroporto de Lavacolla como na chegada de peregrinos a cidade. Segundo os datos de AENA, no mes de xuño o número de pasaxeiros nas conexións internacionais do aeroporto aumentou un 13,7% respecto de xuño do ano pasado. E segundo a Oficina de Acollida do Peregrino, no mes de xuño o 58,68% das persoas que recolleron a Compostela foron estranxeiros, fronte ao 41,32 de españois.

Documentos relacionados



Compartir: