ALCALDÍA

O alcalde subscribe accións do Obradoiro

26/07/2012 O alcalde compostelán, Ángel Currás, e o concelleiro de Deportes, Adrián Varela, mantiveron unha reunión co presidente do Obradoiro, Raúl López, e co director xeral do club, José Luis Mateo. No encontro formalizouse a subscrición de accións a título particular por parte do propio alcalde, nun acto simbólico que quería referendar o compromiso do Concello co club.

Ángel Currás lembrou que xa outros concelleiros do Goberno municipal subscribiron accións do Obradoiro e solicitou a colaboración da cidade cun "club referente para a cidade", co fin último de que "continúe na máxima categoría do baloncesto español". Neste sentido mostrou a súa confianza en que no tempo que queda se sigan subscribindo accións.

O presidente do Obradoiro, Raúl López, agradeceu ao alcalde o xesto, sinalando que é un "paso adiante" e un exemplo a seguir. Así, dixo que "se todos os cidadáns de Santiago compraran unha acción, sobraríanos capital social". Afirmou que dende o club se segue traballando coa vista posta no 31 de xullo, cando se celebrará a xunta de accionistas. Malia recoñecer que "aínda hai unha diferenza importante" entre o xa subscrito e os 3,5 millóns de euros necesarios, confía en poder solucionar os "flecos" que queden, en referencia á cantidade que quede por subscribir nesa data límite.

Sobre a posibilidade de que o Concello como institución subscribira accións do club, o alcalde negou tal posibilidade "neste momento de crise económica", pero amosouse a disposto a "outro tipo de colaboracións".

Compartir: