TURISMO

Sorteo dos premios da primeira edición das rutas gastronómicas "Tapéate Compostela"

24/07/2012 A primeira edición de Tapéate Compostela celebrouse do 9 ao 22 de xullo. Once dos mellores restaurantes composteláns uníronse para ofrecer dúas rutas de tapas (creadas para a ocasión) a través da cidade. Os comensais que completaron calquera dos percorridos optaban a varios premios nun sorteo que se celebrou no Mercado de Abastos.

Os premios repartidos foron 10 ceas para dúas persoas, unha noite en AD no Hostal dos Reis Católicos e un bono de 300 euros para consumir produtos do propio Mercado. Os once establecementos participantes cualificaron como moi positivo este primeiro Tapéate Compostela. Serviu como animación turística e como achegamento ás diferentes ofertas gastronómicas e de lecer existentes en Compostela. Turistas e residentes responderon á idea.

Calcúlase que ao longo destas dúas semanas repartíronse máis de 5.100 tapas nos once restaurantes participantes: O Curro da Parra, Garum Bistró, A Tafona Casa de Xantar, Acio, La Bodeguilla de San Roque, Tapería Castelao, La Cavita, Manso, Descorche, Bistró Leal e A Viña de Xabi.

Compartir: