NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

A campaña "Xantar Compostela" repartirá 200.000 manteis para promover o uso do galego nos establecementos hostaleiros

24/07/2012 O Centro de Formación e Cultura Gastronómica de Hostalería Compostela acolleu a presentación da campaña Xantar Compostela, coa que se pretende promover o emprego do galego no ámbito da hostalería.

Nesta edición da campaña Xantar Compostela editáronse 200.000 exemplares de catro modelos de manteis individuais con atractivos deseños que se van distribuír nos establecementos asociados para difundir e promover o uso do galego na hostalería. Dous dos modelos están pensados para os máis pequenos e inclúen lapis para debuxar e colorar. Os outros dous teñen como público destinatario a clientela adulta, un deles específico para que as persoas de fóra de Galicia poidan aprender nese tempo algún léxico básico en galego, que conta coas traducións correspondentes ao castelán, ao inglés, ao francés e ao alemán.

Na presentación da campaña participou a concelleira de Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez, quen indicou que "ningún ámbito social debe ser alleo ao uso da lingua galega, e moito menos aqueles que son especialmente significativos na vida cotiá dos galegos e galegas". Neste sentido, explicou, "os locais de hostalería son espazos de encontro, de conversa, de trato social e, polo tanto, lugares privilexiados para que o galego se manifeste en toda a súa variedade e riqueza".

Para a concelleira, "dinamizar o uso da lingua galega no ámbito hostaleiro, como xa ocorreu en campañas anteriores das que o Concello foi promotor, converteuse nunha demostración de que podemos facer do galego unha oferta positiva".

Nesta mesma liña se pronunciou o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García. "Impulsamos a través desta iniciativa a visibilidade do galego e a súa proxección no mundo, en maior ou menor medida, ao favorecer que os turistas de fóra de Galicia que se acheguen a gozar da gastronomía galega poidan comprobar que contamos cunha lingua de noso, e ata aprender as correspondencias galegas das palabras do seu idioma", dixo. Ademais, puxo de relevo o o importante papel que xoga a Asociación Hostelería Compostela na dinamización do galego no seu sector, dentro do que esta entidade constitúe "a máis importante de Galicia e unha das máis activas a nivel estatal". Tamén participou na rolda de prensa o director de comunicación de Hostalería Compostela, Aser Álvarez.

Compartir: