CONSORCIO

Inaugurada a nova sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago

24/07/2012 O alcalde e presidente do Consorcio, Ángel Currás, inaugurou a nova sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago. O novo edificio xorde da remodelación do vello edificio que albergaba o Banco de España e foi proxectado polo arquitecto Manuel Gallego.

O Museo nace para dotar á cidade dun espazo cultural no que se recollan as manifestacións máis importantes do fenómeno da peregrinación, especialmente todo aquilo que se refire ao culto e cultura xacobea, así como para establecer un centro onde se conte a evolución e desenvolvemento da cidade de Santiago.

O uso público do novo edificio inaugúrase cunha exposición extraordinaria sobre Santiago no século XIII. Baixo o título de Compostella dicitur. A cidade da Catedral, a mostra componse de maquetas físicas e interactivas, así como paneis explicativos e reconstruccións virtuais do aspecto da cidade e da Catedral na idade media. De forma complementaria, unha das salas do museo acolle unha pequena creación videográfica de Gabriel Díaz titulada "Paso a paso", organizada polo actual equipo do Museo das Peregrinacións.

O Museo
O edifico do antigo Banco de España pasou a ser propiedade do Consorcio de Santiago en xullo de 2008 e, posteriormente, as obras de remodelación foron adxudicadas á UTE formada polas empresas Neorsa, Geocisa e Oseis, por un importe total de 5.428.355 euros. A dirección do proxecto foi encargada a Manuel Gallego, un dos arquitectos galegos máis recoñecidos e que recibiu o Premio Nacional de Arquitectura en 1997. Foi catedrático na Escola Superior de Arquitectura da Coruña, na que exerceu a docencia dende 1978. Traballou nos seus inicios cos arquitectos galegos Sarandeses e Trabazo, no estudo do mestre Alejandro de la Sota. Dentro da súa traxectoria destacan obras significativas como o Museo de Belas Artes da Coruña (polo que recibiu o Premio Nacional de Arquitectura), a Casa da Cultura de Chantada e os Institutos de Investigación do Campus Sur de Santiago.

O seu proxecto para o Museo das Peregrinacións e de Santiago non se pode concibir á marxe da súa ubicación ao pé da Catedral nin do seu emprazamento na emblemática praza de Praterías. Polo que respecta ao interior do edificio, as modificacións que se levaron a cabo afectan fundamentalmente á utilización do seu interior como espazo expositivo. Créase un espazo central que integra as diferentes prantas e facilita a orientación ao visitante. Deste xeito conséguese un espazo alto que permite a relación visual desde diferentes prantas; espazo que se incorpora ao antigo edificio como de nova creación.

Partindo da aceptación do edificio como parte consolidada dun conxunto rematado, a ampliación do Museo realizouse incorporando un elemento complementario de nova arquitectura, máis lixeiro, realizado en vidro, material moi compatible coa pedra. A actuación intégrase sen variar a altura e conservando as cornixas como referencias importantes. Créase así un espazo adosado ao edificio antigo artellado a modo de gran galería chea de vibracións e transparencias que recollen o movemento da xente e a vida do museo que se realiza á luz do día.

O obxectivo do proxecto é que o espazo do museo permita o funcionamento diverso e complexo como centro de exposicións. A espectacular presenza da Catedral, e sobre todo, da torre do Reloxo, faise presente a través dun gran lucernario, unha vez que os visitantes chegan á primeira pranta, transformando de maneira espectacular o percorrido do museo a medida que van ascendendo, asomándose á cuberta co fin de contemplar a catedral e a cidade. O Museo conta cunha superficie construída de 3.466 metros cadrados.

Compostella dicitur
O Museo das Peregrinacións e de Santiago inaugúrase cunha mostra extraordinaria que recrea a Santiago do século XIII, a partir de aplicacións interactivas e de recostrución virtual que permiten coñecer o aspecto e coñecer a evolución posterior da cidade. Unha aplicación informática permite viaxar no tempo e acompañar a un peregrino no seu percorrido pola Compostela medieval. Ademais, dúas pantallas xigantes recrean o aspecto da catedral románica, tal e como a viron quenes a coñeceron trala súa consagración, en 1211. Por último, unha maqueta de máis de 20 metros cadrados reconstrúe a fisonomía do Santiago do século XIII, coa catedral románica en todo o seu esplendor, as igrexas e conventos, as portas e a muralla. Para a súa realización seguíronse as descricións que da cidade e da Catedral fai o Códice Calixtino.

A exposición serve ademais para aproximarse á realizade arquitectónica da Catedral de Santiago, coa súa evolución ao longo dos séculos e coas intervencións dos diferentes arquitectos, para o que se recuperou a maqueta de 25 metros cadrados de superficie realizada a escala 1:25 polo Xacobeo e que estivo exposta na Expo de Sevilla de 1992.

A mostra complétase na súa última parte cunha reflexión sobre o Santiago de hoxe. Unha cidade cun dos conxuntos históricos mellor conservados do mundo e que desenvolveu un urbanismo exemplar e respectuoso con medio ambiente

A entrada ao Museo será gratuíta ata o mes de setembro, A partir de entón terá un custo de 2,50 euros (con tarifa reducida a 1,50 euros para xubilados, xóvenes e peregrinos con Compostela, entre outros). O horario do Museo será de martes a sábados, de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas e os domingos de 11:00 a 14:00 horas. Os luns permanecerá pechado.

Datos históricos
O edificio do antigo Banco de España é do arquitecto Romualdo de Madariaga. En 1936, o Concello concede autorización das casas situadas na praza das Praterías para a súa compra, procedéndose á súa demolición. Tras un largo proceso, cheo de tensións e polémica, con informes que foron modificando o proxecto, termina inaugurándose en 1949. O edificio desenvólvese dentro do carácter dun Banco de España da época, onde as apariencias pretenden representar algo máis que o seu contido real: unha sucursal bancaria na pranta baixa e unhas vivendas na primeira e segunda pranta.

A praza das Praterías
Esta praza inscríbese dentro do tipo de prazas que son o resultado dunha operación de demolición efectuada na trama preexistente e que motiva a supresión dunha mazá coa finalidade de valorar arquitectónicamente un edificio importante. A partir de 1506 reorganízase o entorno da catedral, comprándose as propiedades adosadas a ela para o seu posterior derribo, remodelándose todo o sector. O Plan inicial de reorganización é de Juan de Nava, aínda que con posterioridade realízanse múltiples e desiguais intervencións. Coa construcción do claustro da Catedral defínese xa o fronte da praza das Praterías. O Cabildo encarga a escaleira da praza en 1567. A Casa do Cabildo do arquitecto Sarela é de 1734; a fonte dos cabalos é de 1759, sendo os seus autores Juan Ramos e Gregorio Fernández. En 1825 altérase substancialmente.

Cando o Cabildo decide organizar o espazo público da praza que era da súa propiedade, o plan afectou tanto ó acceso á Catedral como á fonte que existía e da que se surtían de auga os veciños. Non falta quen atribúe o proxecto a Domingo de Andrade. As obras inícianse dirixidas por Simón Rodríguez ainda que inmediatamente incorpórase Domingo de Andrade. O novo acceso catedralicio supuxo unha total transformación do espazo xa que se crea unha gran plataforma pétrea que supón a súa división espacial así como o seu enlace coa Quintana.

Compartir: