NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

"O conto viaxeiro" volveu ao seu primeiro destino tras percorrer varias parroquias

23/07/2012 Dentro das actividades deseñadas para celebrar as Letras Galegas, a Concellería de Normalización Lingüística programou un itinerario de sesións que combinaban a escoita dun conto e a construción dunha nova historia entre todos os nenos e nenas participantes. O conto viaxeiro percorreu dez centros socioculturais de distintas zonas do termo municipal.

Os rapaces e rapazas de Busto, O Eixo, A Peregrina, Nemenzo, Villestro, Laraño, A Gracia, Figueiras, Conxo e Marrozos crearon o protagonista da historia, Pepe Roque, a súa amiga Peregrina e o malvado Uxío Xadou, e propuxeron as probas e aventuras cheas de imaxinación destes personaxes no camiño a Compostela.

O resultado está xa publicado no blog do proxecto. Un pequeno conto participativo que agora está aberto para que os educadores, nais e pais ou profesorado poidan traballar cos nenos e nenas, desenvolvendo as aventuras, creando novas historias cos personaxes, propoñendo actividades didácticas a partir dos elementos que se construíron, algunhas das cales están xa no blog.

O proxecto poderá medrar no futuro con participantes individuais ou colectivos da comunidade educativa, quizais tamén con novos "contos viaxeiros", mais xa é posible ver os debuxos dos nenos e nenas que ata o momento formaron parte del, un vídeo cos principais momentos de cada unha das sesións e o propio conto en formato dixital.

Direccións relacionadas



Compartir: