ALCALDÍA

A Alameda disporá dun novo espazo de cafetería e terraza para a primavera do 2013

20/07/2012 O alcalde de Santiago de Compostela, Ángel Currás, anunciou que a Alameda compostelá disporá dun novo espazo de cafetería e terraza para a primavera do 2013. Este proxecto está incluído nunha segunda fase da iniciativa municipal para adecuar os espazos do parque monumental da cidade e dotará á Alameda dun espazo do que carece dende hai anos.

Nunha visita á Alameda acompañado dalgúns concelleiros, Ángel Currás informou que a antiga churrería se rehabilitará. Pola súa banda, a concelleira de Urbanismo, María Pardo, sinalou que está previsto que neste mes de xullo saia o concurso para a adxudicación do proxecto, coa vista posta en que na vindeira primavera este espazo se atope en funcionamento.

Ademais, o rexedor compostelá sinalou que dentro do proxecto de adecuación dos espazos da Alameda se incluirá o chamado "Paseo Literario", situado ao pé do Paseo da Ferradura e no que se incluirán citas literarias de autores que tiveron presente a Compostela na súa obra.

Por último, Ángel Currás explicou que se aborda un convenio de colaboración coa Igrexa para acondicionar o espazo de Santa Susana, "deteriorado e abandonado dende hai bastantes anos". Xa que logo, neste convenio estableceranse as bases de colaboración polas que a Igrexa cede o reitoral de Santa Susana para o almacén de equipos de xardinería, e o Concello manterá limpo e en condicións todo o entorno, coa vista posta en deixar o espazo da Alameda en óptimas condicións para o desfrute de todos os cidadáns.

Compartir: