MEDIO RURAL

O Concello informa os veciños da obrigatoriedade da limpeza das fincas para evitar o risco de incendio preto das vivendas

20/07/2012 O concelleiro de Medio Rural, Luis Bello, deu conta do bando municipal no que se informa os veciños propietarios de parcelas da obrigatoriedade de mantelas limpas para evitar que os incendios poidan achegarse ás vivendas, e máis nesta época de máximo risco. Recordou que debe estar limpa unha franxa de 50 metros e que as sancións polo incumprimento desta obrigatoriedade van dos 300 aos 6.000 euros.

Luis Bello remitiuse ás leis autonómicas nesta materia parar lembrar esta obrigatoriedade para os propietarios de toda clase de terreos de "mantelos en óptimas condicións de seguridade e ornato publico". Tal como marca a actual Lei do Solo, a faixa de seguridade a manter limpa ou rareada entre a edificación (residencial, comercial, industrial ou de servizos, instalación agrogagandeira e forestal) e a matogueira ou monte é de 50 metros. Non obstante, indicou que está en trámite a nova Lei do Solo, que fixará esta franxa nos 30 metros, pero ata entón a esixencia segue sendo de 50 metros.

En caso de non realizarse estes labores de limpeza, calquera veciño pode denuncialo ao Concello ou á Consellería do Medio Rural. Estas Administracións instarán ao propietario a limpar a parcela nun prazo máximo de 15 días. De non facelo, acometerase de oficio a limpeza, repercutindo os custos da mesma no propietario, que ademais recibirá a correspondente sanción, de entre 300 e 6.000 euros.

Se ben calquera cidadán que observe unha situación de risco pode denuncialo, o Concello tamén realizará algún control. Especialmente quérese incidir nas zonas de risco consideradas obxectivo 1, que abranguen as parroquias de San Xoán e Santa Cristina de Fecha, A Peregrina, Figueiras e Villestro.

Documentos relacionados



Compartir: