EDUCACIÓN

O servizo subvencionado de comedores escolares permitirá ofrecer os xantares a 5,06 euros e os almorzos a 2,04 euros

19/07/2012 Unha Xunta de Goberno extraordinaria celebrada o martes 17 iniciou o procedemento aberto de contratación do servizo de comedores para nove centros da cidade. Así o indicou a concelleira de Educación, Rebeca Domínguez, quen apuntou que o importe máximo do servizo reflectido no prego alcanza os 628.398 euros.

En virtude do convenio asinado por Concello e Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para a subvención deste servizo de comedor, os xantares diarios ofreceranse a un prezo de 5,06 euros, mentres os almorzos (que inclúen o servizo de madrugadores) terán un custo de 2,04 euros. Este será o prezo que os pais deberán aboar nos últimos cinco días de cada mes á empresa adxudicataria, que se encargará non só de servir as comidas, senón de todo o aparellado á recepción e coidado dos rapaces e rapazas.

Segundo explicou Rebeca Domínguez, esta previsión orzamentaria do contrato fíxose tendo en conta as estimacións de usuarios realizadas por cada centro escolar, engadindo unha porcentaxe de estimación a maiores para evitar calquera continxencia. Así, determinouse o importe para 556 xantares e 175 almorzos.

O prego de condicións para este servizo inclúe cuestións como a estrutura, frecuencia ou composición dos menús, incluídos os menús especiais. Entre os criterios que se valorarán figuran a rotación dos menús ou a promoción de hábitos saudables entre os nenos e nenas.

O Concello encargarase da xestión dos comedores dos seguintes centros: CEIP Apóstolo Santiago, CEIP Cardeal Quiroga Palacios, CEIP As Fontiñas, CEIP Roxos Villestro, CEIP Vite, CEIP Mestre Rodríguez Xixirei, CEIP Monte dos Postes, CEIP Raíña Fabiola e CEIP Ramón Cabanillas.

Compartir: