DEPORTES

O Campionato Galego de Fondo en Estrada renova a aposta pola avenida de Juan Carlos I como fin de carreira

19/07/2012 O sábado 21 de xullo, Santiago acolle a celebración do Campionato Galego de Fondo en Estrada nas categorías cadete, júnior e féminas. A competición, organizada polo Club Ciclista Compostelano e a Federación Galega de Ciclismo, co patrocinio do Concello, está incluída no programa das Festas do Apóstolo.

O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, presentou a proba, que partirá ás 15:00 horas para os cadetes e féminas, e ás 15:00 horas para os júnior. Os primeiros deberán dar dúas voltas a un circuíto con saída e chegada na avenida de Juan Carlos I, pasando por Milladoiro, Picaraña, Os Ánxeles, Bertamiráns e varias rúas compostelás, para un percorrido total de 51 quilómetros. Os júnior sairán ás 17:00 horas e darán tres voltas ao devandito circuíto, dun total de 78 quilómetros.

Tanto o presidente do Club Ciclista Compostelano, Nemesio López, coma o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Manuel Tallón, destacaron o escenario da avenida de Juan Carlos I como o ideal, tal como sucedera tamén na Carreira Ciclista da Ascensión. Ata esta meta chegarán os corredores e corredoras tras realizar un percorrido que López definiu como unha combinación de superficie cha e baixadas. Participarán na proba en torno a 120 ciclistas de toda Galicia entre as tres categorías

Compartir: