EMPREGO

A segunda edición da Feira Internacional de Emprego abriu as súas portas cunha oferta de 405 postos de traballo

19/07/2012 O alcalde, Ángel Currás, xunto coa concelleira de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego, Paula Prado, inauguraron a II Feira Internacional do Emprego, que se celebrará ata o venres 20 no complexo do Multiusos Fontes do Sar e que se configura como o punto de encontro entre empresas e profesionais na busca de traballo, baixo a organización do Concello de Santiago.

O acto, ao que tamén asistiron a directora xeral de Promoción de Emprego da Xunta de Galicia, Amparo González; e o presidente da Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre, Jesús Chenel, supón o punto de partida deste evento, que se consolida como punto de encontro entre todos aqueles cidadáns que se atopan na busca de emprego cun importante número de empresas, tanto nacionais como estranxeiras, que aproveitan esta Feira como unha oportunidade de seleccionar novo persoal.

Tal e como sinalou o rexedor compostelán, o obxectivo que persegue o Concello coa II FIE é "xerar un círculo importante de oportunidades" para todos aqueles que están a buscar emprego. Ángel Currás salientou que, logo do éxito da edición anterior, a boa acollida desta iniciativa, con máis de 3.500 inscritos, saldarase cun bo número de resultados positivos, ao contribuír xa non só a por en contacto a demandantes de emprego e empresas, senón tamén a "facer que non decaia o ánimo nin as ganas de continuar coa formación".

Ao tempo, o alcalde referiuse á principal novidade posta en marcha nesta edición do FIE, que presta unha atención especial ao tecido empresarial, ao configurarse como a principal fonte de emprego nas circunstancias actuais ao cumplir unha labor social como xerador de beneficio colectivo para o conxunto dos cidadáns. Por esa mesma razón, o alcalde trasladou o seu "recoñecemento" aos empresarios galegos e composteláns, en especial aos emprendedores e ás pequenas e medianas empresas.

Asimesmo, Ángel Currás informou que dende o Concello se seguen reducindo os plrazos de pago ás empresas proveedoras. Xa que logo, nos derradeiros meses aboáronse, a través da liña ICO, máis de 13 millóns de euros en facturas a proveedores de Santiago que estaban pendientes de pago. O alcalde sinalou que "é o seu empeño" mudar o modo de ser da administración local, que debe contribuír, na medida do posible, a facilitar os proxectos empresariais e suxerir alternativas.

Pola súa banda, a concelleira de Benestar e Emprego, Paula Prado, salientou a "oportunidade" que supón un evento consolidado como o FIE para por en contacto a empresarios e empresarias e profesionais que están a buscar traballo. O aumento do número de empresas participantes nesta segunda edición do FIE é, para a edila, unha sinal de "optimismo".

En horario ininterrompido, de 9:00 a 20:00 horas o xoves 19 de xullo, e ata as 14:00 horas do venres 20, desenvolveranse os procesos de selección dos candidatos inscritos, que aspiran a obter algún dos 405 postos de traballo presentados polas 55 empresas participantes. Con estas cifras de ofertas e firmas presentes na II FIE, o Concello acada os obxectivos marcados ao inicio da organización do evento, un dato especialmente positivo tendo en conta o contexto socioeconómico presente.

Axencia Local de Colocación
Nesta segunda edición da Feira Internacional de Emprego xoga un papel fundamental a Axencia Local de Colocación, un servizo dependente da Concellaría de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego de Santiago de Compostela cuxa misión é apoiar a dinamización do mercado de traballo local, a través da promoción de oportunidades e capacidades para a inserción de desempregados e a intermediación laboral.

Por medio dunha aplicación web que xestiona todas as ofertas de emprego recibidas, a Axencia Local de Colocación de Santiago garante ás persoas demandantes a permanencia nunha base de datos activa e dinámica que posibilite novas oportunidades de emprego e orientación. Este proceso de intermediación entre demandantes de emprego e empresas locais, nacionais e internacionais foi desenvolvido en dúas fases diferentes, xa que, en primeiro lugar, se procedeu a captar as máis de 400 ofertas laborais que forman a oferta da FIE, unha tarefa nada sinxela na actual situación de crise económica. En segundo lugar, a Axencia procedeu ao recrutamento das candidaturas máis idóneas entre os currículos recibidos a través da súa páxina web, cun sistema que monitorea de xeito rápido e sinxelo a información recibida de cada un dos candidatos en busca de emprego.

FIE Xornadas
Ademais de visitar os stands de 30 das 55 entidades que participan na Feira, o público asistente ao Multiusos do Sar durante o xoves 19 e o venres 20 de xullo, poderá tomar parte nas xornadas tituladas "Os novos mercados de traballo e as estratexias innovadoras para a busca de emprego", que inclúen un variado programa de obradoiros e conferencias impartidas por especialistas en diversos ámbitos relacionados coas habilidades requiridas para unha busca de emprego efectiva e frutífera. Os interesados en asistir a algunha das actividades das xornadas, de entrada gratuíta, poden inscribirse a través da páxina web ata completar aforamento.

Documentos relacionados



Compartir: