MEDIO AMBIENTE

Os pequenos aprenden a facer de Santiago unha cidade máis sustentable

17/07/2012 A concelleira de Medio Ambiente, María Castelao, asistiu esta tarde na Praza Roxa á posta en marcha dos obradoiros enmarcados na campaña "Contigo, ata o fin", organizada polo Concello, a Fundación Santiago Centro e Sogama. Ten como obxectivo concienciar á poboación en xeral e aos máis novos en particular sobre a necesidade de utilizar de forma racional recursos para conseguir un mundo máis sustentable.

A Fundación Santiago Centro, o Concello de Santiago e Sogama comprometéronse a sumar esforzos nunha fronte común: a preservación do medio e a mellora do benestar e calidade de vida da veciñanza da cidade. E farano loitando contra unha das principais ameazas, os residuos, e máis concretamente contra os efectos negativos que sobre o medio ten a alta proliferación de bolsas plásticas non biodegradables dun só uso.

É por iso que Santiago Centro, a través das aproximadamente 145 entidades adscritas á mesma, e que se atopan emprazadas na zona do Ensanche, repartirá 30.000 bolsas de papel reciclado, reutilizables e reciclables, bautizadas co lema "Contigo, ata o fin". O obxectivo é que tanto os comerciantes coma os consumidores abandonen o uso desmesurado das bolsas de plástico e aposten de cheo pola reutilización, un xesto que, sen lugar a dúbidas, traerá consigo importantes beneficios ambientais, contribuíndo ao aforro de enerxía e de materias primas.

Pero a campaña non se limita a unha mera distribución de bolsas ecolóxicas, senón que a pretensión é que os titulares dos establecementos leven a cabo accións informativas e formativas dirixidas aos clientes nas que recordarán a importancia de minimizar a produción de lixo, a través dun consumo responsable, e de alongar a vida útil dos produtos mediante o máximo aproveitamento destes, participando activamente nos mecanismos de recollida selectiva.

Ademais, o Concello asume o desenvolvemento de talleres ambientais dirixidos á poboación en xeral, e aos escolares en particular, orientados a sensibilizar á cidadanía sobre a correcta xestión domiciliaria dos desperdicios xerados no fogar. Teñen lugar na praza Roxa os días 17 e 18 de xullo, e a estes únese o xogo xigante dos residuos de Sogama, co que os pequenos terán a oportunidade de poñer a proba os seus coñecementos na materia.

E é que separar os refugallos en orixe e depositalos nos distintos colectores situados nas vías públicas constitúe un hábito que, de incorporalo á nosa vida cotiá, ten unha gran recompensa ambiental: a reciclaxe. Pero non só, xa que o Concello tamén poderá saír beneficiado economicamente se consegue remitir á industria transformadora a maior cantidade posible de refugallos que cumpran cos mínimos de calidade. De ser así, non só estará a contribuír ao coidado do medio ambiente, senón que recibirá ingresos por parte dos Sistemas Integrados de Xestión, que poderá destinar a outras actuacións sociais e ambientais.

Compartir: