EDUCACIÓN

Primeiros alumnos para a Escola Infantil Municipal de Fontiñas

02/05/2006 A Escola Infantil Municipal de Fontiñas contará este vindeiro curso cos seus primeiros 61 alumnos. Con esta fin, dende o mércores 3 de maio e ata o 31 deste mesmo mes, permanecerá aberto o prazo para solicitar praza nas súas catro aulas. A Escola está dirixida a nenos e nenas do primeiro ciclo de educación infantil con idades de tres meses a tres anos.

O novo centro convertirase na segunda escola infantil do Concello de Santiago e únese á xa existente en Conxo. A Escola está concibida coma un centro de orientación, información e soporte emocional aos proxenitores a través de diversas alternativas educativas. Dará respostas específicas ás diversas e cambiantes necesidades que teñen nenos e nenas, así coma pais e nais ao longo desta etapa.

A Escola Infantil de Fontiñas ofrecerá servizos nun horario de 7:30 a 20:30 horas de luns a venres, e ofrece un servizo de comedor. Aquelas familias que precisen un horario complementario, máis alá da xornada escolar de seis horas, tamén poderán solicitalo, malia que se considere desexable que os nenos non permanezan no centro máis de oito horas diarias.

As solicitudes de inscrición poden recollerse no departamento municipal de Educación e Mocidade, na Oficina de Atención e Información á cidadanía ou na sección de Convocatorias desta páxina e entregaranse no rexistro municipal.

Direccións relacionadas



Compartir: