CONSORCIO

A praza do Obradoiro será escenario dunha nova edición do concurso de canteiros

13/07/2012 A cuarta edición do concurso Canteiros no Obradoiro, organizado polo Consorcio de Santiago e a Fundación Laboral da Construción de Galicia, desenvolverase o sábado 28 de xullo na praza do Obradoiro.

A cita vai reunir a diferentes canteiros que competirán no labrado manual dunha laxa de granito, similar ás que conforman o pavimento do centro histórico da cidade. Para designar a laxa gañadora, cóntase cun xurado mixto composto por un xurado técnico que inclúe persoal da Fundación Laboral da Construción, a oficina técnica do Consorcio de Santiago e profesionais relacionados co ámbito da rehabilitación e a restauración. Os membros deste xurado basearanse en criterios obxectivos para ditaminar o veredicto final, entre estes criterios: a execución e acabados finais, as medidas de seguridade e ergonomía laboral adoptadas, o emprego correcto das ferramentas ou o tempo empregado. O xurado de honra estará formado por representantes da Fundación, o Consorcio e a Xunta de Galicia.

A peza gañadora será colocada coa súa marca de canteiro no centro histórico de Santiago de Compostela, recibindo o seu autor un premio en metálico de 1.500 euros, ademais dun trofeo e un diploma. O segundo e terceiro clasificados recibirán, á súa vez, un premio en metálico, de 600 e 400 euros, respectivamente, e un diploma.

Ademais do recoñecemento ao tres canteiros que obtivesen unha maior puntuación, entregaranse diversos accésits, así como diplomas de participación aos 24 canteiros que participen no concurso.

Os interesados poden inscribirse no concurso antes do día 17 de xullo, remitindo o formulario de inscrición por fax ao número: 981 801 613, por correo electrónico á dirección: flc.galicia@fundacionlaboral.org ou ben solicitando o formulario nas instalacións da Fundación Laboral da Construción en Teo.

Compartir: