FESTAS

Tom Jones vende a metade do aforo do seu concerto en Santiago nunha semana

13/07/2012 Tom Jones será un dos protagonistas principais das Festas do Apóstolo 2012 co seu concerto en Santiago, única parada da súa xira na Península. A actuación será o xoves 26 de xullo, ás 22:30 horas, na praza da Quintana. As entradas están á venda cun prezo de 25 € con entrada de pé e 35 € con cadeiras non numeradas. Pódense adquirir a través de www.servinova.com, o teléfono 902 504 500 ou a Rede Ticketmaster (Carrefour, Falcón Viaxes, FNAC, Tendas Tipo). Activarase un aforo limitado a 3.000 persoas.

O legado que obtivo Tom Jones ao longo dos seus máis de 50 anos de carreira está ao alcance de moi poucos. As súas cancións figuran na memoria colectiva de fans dos cinco continentes que abranguen case tres xeracións e conseguiu todo tipo de éxitos e recoñecementos, sendo destacado o seu nomeamento de cabaleiro por parte da Raíña de Inglaterra no 2006. É sen dúbida unha lenda vivente. O seu espectáculo atravesa as épocas e xéneros musicais, é un chamamento a novos e maiores, homes e mulleres, convencionais e de vangarda. Padriño da alma moderna, o artista sempre foi sobre o poder da canción, o poder da voz.

A calidade das súas composicións, a potencia da súa voz e a súa innata capacidade para reinventarse mantivérono sempre entre os mellores intérpretes da historia da música. A súa obra abrangue dende himnos xeracionais como "Delilah" ou "It's not unusual" ou versións que fixo propias como o "Kiss" de Prince, ata temas góspel e soul que Tom Jones sabe levar ao seu terreo.

Alcumado "O Tigre de Gales", ao longo da súa dilatada carreira vendeu máis de 100 millóns de discos en todo o mundo e obtivo importantes galardóns, entre os que se encontra o Grammy ao mellor "performer" e a distinción que recibiu en 2006 de mans da mesma raíña Isabel II, que o nomeou Cabaleiro da Coroa Británica xunto a outros ilustres como Paul McCartney ou Eric Clapton.

Acompañado da súa reputada banda e no medio dunha xira mundial que un ano máis lle levará polos principais escenarios do planeta, o próximo 26 de xullo demostrará unha vez máis que está nun dos mellores momentos da súa carreira, conxugando a súa experiencia, carisma e un repertorio demoledor cunha voz que envelleceu como os mellores viños, mantendo a súa potencia intacta. Un marco incomparable como a praza da Quintana vestirá as súas mellores galas para recibir por primeira vez a toda unha lenda viva da música no que será o prato forte das Festas do Apóstolo 2012.

Compartir: