TURISMO

Darth Vader regresa a Santiago en 2013

13/07/2012 A concelleira de Turismo, Reyes Leis; o coordinador da segunda edición do Imperial Stormtroopers, Andrés Fernández; e o presidente da Tropa Korriban – Asociación de Fans de Star Wars de Galicia, Manuel Ángel Gayoso, presentaron no Pazo de Raxoi a celebración dun desfile coas personaxes de Star Wars co que se homenaxeará o 30 aniversario da estrea da película O retorno do Jedi.

Santiago de Compostela será tomada de novo polos soldados de asalto do Imperio Galáctico o 25 de maio do 2013. Os soldados imperiais estarán comandados polo mesmo Darth Vader. Deste xeito, a Tropa Korriban celebrará a segunda edición do evento Imperial Stormtroopers, un desfile que se celebrou por primeira vez no 2010 e que naquela ocasión contou con 800 participantes e logrou atraer a máis de 20.000 visitantes, segundo os datos publicados pola prensa.

Deste xeito, os membros da Tropa Korriban e de moitos outros colectivos de fans de toda España, circularán polas rúas do Casco Histórico de Compostela caracterizados como os personaxes dos filmes de George Lucas. Trátase dun evento lúdico, sen ánimo de lucro, e que conta co apoio do Concello de Santiago. Todas as persoas que desexen participar están convidadas, e poden encontrar sinxelas instrucións para confeccionar os seus disfraces na páxina web: www.imperialstormtroopers.es

A Tropa Korriban Asociación de Fans de Star Wars Galicia naceu en 2010, tras o éxito do primeiro Imperial Stormtroopers. Nestes dous anos de vida, os seus socios participaron en máis de 30 eventos en toda España, entre os que destacan visitas solidarias a hospitais infantís, desfiles en festas e outros eventos lúdicos e culturais.

Para máis información, pódese contactar coa Tropa Korriban a través da súa páxina: www.tropakorriban.com

Compartir: