MEDIO AMBIENTE

O Concello, a Fundación Santiago Centro e Sogama suman esforzos para contribuír a unha cidade máis sustentable

12/07/2012 A Fundación Santiago Centro, o Concello de Santiago e Sogama rubricaron na sede da primeira un convenio de colaboración a través do cal se comprometen a sumar esforzos nunha fronte común: a preservación do medio e a mellora do benestar e calidade de vida da veciñanza da cidade. E farano loitando contra unha das principais ameazas, os residuos, e máis concretamente contra os efectos negativos que sobre o medio ten a alta proliferación de bolsas plásticas non biodegradables dun só uso.

É por iso que Santiago Centro, a través das aproximadamente 145 entidades adscritas á mesma, e que se atopan emprazadas na zona do Ensanche, repartirá 30.000 bolsas de papel reciclado, reutilizables e reciclables, bautizadas co lema "Contigo, ata o fin". O obxectivo é que tanto os comerciantes coma os consumidores abandonen o uso desmesurado das bolsas de plástico e aposten de cheo pola reutilización, un xesto que, sen lugar a dúbidas, traerá consigo importantes beneficios ambientais, contribuíndo ao aforro de enerxía e de materias primas.

Pero a campaña non se limitará a unha mera distribución de bolsas ecolóxicas, senón que a pretensión é que os titulares dos establecementos leven a cabo accións informativas e formativas dirixidas aos clientes nas que recordarán a importancia de minimizar a produción de lixo, a través dun consumo responsable, e de alongar a vida útil dos produtos mediante o máximo aproveitamento destes, participando activamente nos mecanismos de recollida selectiva.

Ademais, o Concello asumirá o desenvolvemento de talleres ambientais dirixidos á poboación en xeral, e aos escolares en particular, orientados a sensibilizar á cidadanía sobre a correcta xestión domiciliaria dos desperdicios xerados no fogar. Terán lugar na praza Roxa os días 17 e 18 de xullo, e a estes unirase o xogo xigante dos residuos de Sogama, co que os pequenos terán a oportunidade de poñer a proba os seus coñecementos na materia.

E é que separar os refugallos en orixe e depositalos nos distintos colectores situados nas vías públicas constitúe un hábito que, de incorporalo á nosa vida cotiá, ten unha gran recompensa ambiental: a reciclaxe. Pero non só, xa que o Concello tamén poderá saír beneficiado economicamente se consegue remitir á industria transformadora a maior cantidade posible de refugallos que cumpran cos mínimos de calidade. De ser así, non só estará a contribuír ao coidado do medio ambiente, senón que recibirá ingresos por parte dos Sistemas Integrados de Xestión, que poderá destinar a outras actuacións sociais e ambientais.

A eliminación das bolsas plásticas: o horizonte
Durante as últimas décadas, o desmesurado consumo de bolsas plásticas derivou nun verdadeiro problema ambiental que é necesario combater dende distintos medios, incluíndo os legais. Os datos falan por si mesmos: cada habitante utiliza anualmente unha media de 238 unidades e, destas, tan só o 10% remata no colector amarelo para ser recicladas.

Se ben unha bolsa convencional ten unha vida útil de 15 minutos, o xusto para levar a compra dende a tenda á casa, no medio pode tardar ata 400 anos en descompoñerse. No medio acuático a situación está a resultar verdadeiramente dramática. Estímase que da orde de 10.000 animais como baleas, focas ou tartarugas morren cada ano pola inxestión de plásticos que confunden con alimento. Nalgúns casos, estes mesmo chegan a acumularse nos fondos mariños, impedindo o crecemento das algas que serven de sustento a moitas especies.

A reutilización é o camiño a seguir e, se ben é importante seleccionar con cautela o material da bolsa que vaiamos reutilizar, algúns expertos coinciden en sinalar que, máis que o material co que estea confeccionada, o importante é o número de veces que se reutilice.

A Lei estatal 22/2011, do 28 de xullo, de Residuos e Solos Contaminados, establece un calendario para a progresiva substitución das bolsas de plástico dun só uso ata a súa total prohibición en 2018. Así, preténdese substituír, para o ano 2012, o 60% destas bolsas, porcentaxe que será incrementada ata un 70% antes do 2015, data a partir da cal se obrigará a marcalas cunha mensaxe sobre os seus perniciosos efectos ambientais, e ata un 80% para o 2016, período no que o Goberno español avaliará a consecución dos obxectivos do devandito calendario e a conveniencia de adoptar medidas fiscais sobre o seu consumo.

En todo caso, o fin último é a eliminación do 100% deste tipo de bolsas para o ano 2018, con excepción das que se usen para conter alimentos perecedoiros como peixes e carnes.

A Fundación Santiago Centro quérese adiantar á norma con esta iniciativa, pois o nivel de concienciación do consumidor será, en todo caso, o que dite o comportamento a seguir; de aí a importancia da formación, que será reforzada, no marco deste acordo, con distintas actividades educativas e lúdicas nas que cobrarán especial protagonismo os máis pequenos, toda vez que estes constitúen en moitos casos o exemplo a seguir.

O convenio foi rubricado nun acto público pola concelleira de Medio Ambiente, María Castelao; o presidente de Sogama, Luis Lamas; e o presidente de Santiago Centro, José María Fernández.

Compartir: