CONSORCIO

Unha nova exposición na Casa do Cabido invita a facer "memoria de Compostela"

11/07/2012 O edificio barroco da Casado Cabido acolle dende esta xornada unha nova exposición. Baixo o título de Memoria de Compostela, o Consorcio de Santiago ideou unha mostra na que se invita ao visitante a realizar un singular percorrido pola historia de Santiago a partir de vellas fotografías e dos primeiros rótulos que conformaron o rueiro da cidade e que se gardan no depósito do Concello.

A orixe destes rótulos históricos está nas primeiras ordenanzas municipais encamiñadas a establecer unha rotulación das rúas en 1837. A rotulación non se fai efectiva até 1866 cando se comezan a colocar nas paredes dos edificios as placas con letras negras sobre fondo branco cunha dimensión de ao redor de 40x30 centímetros. Tamén se procedeu á numeración das vivendas, moitas das cales aínda conservan os rótulos orixinais. Estas placas luciron no rueiro santiagués até 1964 cando, baixo a coordinación do arquitecto Francisco Pons Sorolla, substituíronse por unhas novas placas graníticas cos nomes tallados a bisel, reproducindo un abecedario de tipo romano pintado en vermello sangue. Este deseño é o que segue vixente na actualidade.

Xunto ás placas, a exposición recolle varias fotografías antigas, de finais do século XIX e de comezos do XX, que permiten botar a vista atrás e descubrir novas estampas, algunhas inmutables, da cidade de Santiago de Compostela. A mostra quere ser un recoñecemento ao labor que durante décadas realizou José Luís Cabo Villaverde na recuperación de material gráfico inédito, que veu enriquecer o patrimonio histórico-cultural de Compostela e que compilou no seu libro Compostela. Memoria fotográfica, publicada con Pablo Costa e editado por Ara Solis en 1996.

De forma complementaria, a mostra expón unha serie de reproducións de planos antigos da cidade. Son planos que se gardan nos arquivos municipais e da catedral e no Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento. Destacan un plano procedentes do Arquivo Xeral de Simancas, no que se debuxa a antiga muralla, e dúas vistas de Santiago, de Pier Maria Baldi (1669) e Ramón Gil Rey (1837).

A exposición estará aberta ata fin de ano no seguinte horario: martes a sábados de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas. Domingos de 11:00 a 14:00 horas. Luns pechado. A entrada é libre.

Compartir: