EMPREGO

Paula Prado salienta a "maior calidade" das 211 ofertas de traballo xa confirmadas para a II Feira Internacional de Emprego

11/07/2012 A concelleira de Benestar Social, Paula Prado, fixo balance do recrutamento de empresas e ofertas de traballo para a II Feira Internacional de Emprego (FIE), que se celebrará os días 19 e 20 de xullo no Pavillón Multiusos Fontes de Sar, un evento impulsado dende a Axencia Local de Colocación. A día de hoxe, xa está confirmada a asistencia dun total de 39 empresas, que ofertarán 211 postos de traballo.

Paula Prado indicou que estas 211 ofertas son 13 máis que as recibidas a estas mesmas alturas – a unha semana da Feira- na primeira edición. Por iso, declarouse "moi satisfeita" polo número de ofertas xa concretadas "nun contexto socioeconómico tan difícil coma o actual para as empresas". Ademais, destacou que os postos desta edición son de "maior calidade" que na anterior e que se está a traballar para impedir calquera oferta "fraudulenta".

Aclarou que estas 211 ofertas son para incorporación inmediata, xa que hai empresas que traballan a maiores con procesos de selección a medio e longo prazo. A estes postos xa confirmados, a concelleira agarda que se poidan sumar da orde doutros cen nos días que quedan ata a Feira. Neste sentido, indicou que se espera a resposta de máis de 40 empresas coas que a Alcaldía contactou directamente por carta para reforzar o labor de captación realizado pola consultoría encargada deste.

Respecto á localización dos postos de traballo, a edil destacou que maioría corresponden a Santiago de Compostela, polo que espera que esta Feira "supoña un impulso real ao mercado laboral de Santiago". En canto a sectores, destacan os 63 postos que corresponden a labores comerciais (incluíndo xefe/a de zona; xefe/a de sector; asesor/a comercial e teleoperadores/as), 33 do ámbito da formación (incluíndo profesorado para diversas materias e técnicos formadores), 26 relacionados co sector da hostalería (camareiros/as; camareiros/as de andares e cociñeiros/as), 25 para traballos de supermercado, 22 para consultaría (consultores/as; inspectores/as de seguros), 10 postos relacionados coa informática, 8 técnicos/as de mantemento ou 6 operarios/as de limpeza. Tamén se ofrecen traballos de salóns recreativos, perruqueiros/as, licenciados/as en medicina, avogados/as, monitor/a deportivo ou operario/a en yinturería/costura.

Finalmente, apuntou que o incremento do orzamento deste ano da Feira de 70.000 a 76.000 euros é debido á incorporación como novidade do co-working. Así, elaborarase un aplicativo co obxectivo de que as empresas poidan establecer contacto entre si a través do teléfono móbil para crear sinerxias e compartir clientes ou servizos, co ánimo de favorecer o mantemento dos postos de traballo. O aplicativo será presentado a unhas 50 empresas no transcurso da Feira.

O prazo para enviar o currículo e participar nos procesos de selección de persoal que se desenvolverá ao longo das dúas xornadas da Feira remata o 13 de xullo. A inscrición, totalmente gratuíta, realízase de xeito rápido e sinxelo a través da páxina web da II FIE. Unha vez inscritos, os usuarios poden enviar os seus CV ás ofertas que máis lles interesen.

Compartir: