ALCALDÍA

Santiago será a sede da vindeira xuntanza técnica de xestores do patrimonio mundial os días 23 e 24 de outubro

11/07/2012 Santiago de Compostela será a sede da vindeira xuntanza técnica de xestores do patrimonio mundial, que ten previsto celebrarse os días 23 e 24 de outubro deste mesmo ano, dentro dos actos de celebración do 40 aniversario da Convención do Patrimonio Mundial da Unesco.

Ese foi o resultado da última reunión do Grupo de Cidades Patrimonio que tivo lugar o pasado día 7 de xullo, e na que o rexedor compostelán, Ángel Currás, formulou esta proposta ás demais cidades, coincidindo así coa celebración prevista polo Concello do XXV aniversario da designación do Camiño de Santiago como primeiro Itinerario Cultural Europeo.

Patrimonio, desenvolvemento sostible e comunicación entre comunidades será o tema central de estudio do encontro que terá lugar en Compostela no mes de outubro.

A xuntanza de xestores do patrimonio mundial enmárcase dentro dos actos de conmemoración do 40 aniversario da Convención do Patrimonio Cultural e Natural da Unesco, unha das ferramentas máis poderosas para a preservación do patrimonio. A Convención conta coa firma de 188 países, e combina nun único instrumento a protección do patrimonio cultural e natural. Dende a súa adopción pola Conferencia Xeral da Unesco en 1972, a Lista do Patrimonio Mundial medrou ata alcanzar un total de 936 lugares inscritos pola súa valor excepcional en 153 países.

Asemade, o xefe do executivo municipal santiagués foi informado neste encontro da débeda que mantén a capital galega co GCPHE dende o ano 2007, que ascende a 60.000 euros. Sinalou que o actual equipo de Goberno está a traballar para por solución a esta situación, adquirida durante o anterior período de goberno e que ascende a un total de 60.000 euros.

Tal e como indicou o alcalde, o impago desta débeda nas condicións que o GCPHE impón, como son o compromiso de pago da mesma en 3 anos e o seu recoñecemento, pode supoñer a saída de Santiago desta entidade, que ten como obxectivos a defensa do patrimonio histórico e cultural e a promoción dun turismo de calidade neses lugares, entre outros.

Ao tempo, o alcalde de Santiago de Compostela incidiu en que a capital galega "é unha das cidades que máis deben" ó GCPHE, asociación que ten previsto celebrar a súa asemblea no vindeiro mes de marzo. Con todo, Ángel Currás remarcou que dende o goberno municipal estase a traballar de xeito intenso para achar unha solución a esta situación canto antes.

GCPHE
O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España é unha asociación sen ánimo de lucro creada no ano 1993 cuxo obxectivo é actuar de maneira conxunta na defensa do patrimonio histórico e cultural das cidades que o compoñen: Alcalá de Henares, Ávila, Cáceres, Córdoba, Conca, Eivissa/Ibiza, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona e Toledo.

Compartir: