FESTAS

Os establecementos hostaleiros da Quintana súmanse ás Festas do Apóstolo coa organización de dous concertos

10/07/2012 "Quintana de Vivos" é o título baixo o que se engloban dous concertos incluídos nesta Festas do Apóstolo. A peculiaridade destes dous espectáculos, os días 27 e 30 de xullo, é que, por primeira vez nas Festas, serán organizados por establecementos hostaleiros da cidade, neste caso polos catro da praza da Quintana.

Budiño, o venres 27 e oito Djs do colectivo Ibiza Music, o luns 30, serán os protagonistas destes dous concertos na praza da Quintana, presentados en rolda de prensa polo concelleiro de Festas, Francisco Noya. Este salientou o feito de que os hostaleiros se "ofreceran a colaborar coas festas da súa cidade". Aproveitou igualmente para convidar a outros hostaleiros a sumar a súa colaboración, que será visualmente recoñecible grazas a un distintivo co lema "Eu tamén colaboro".

Pub La Quintana, Café Bar El Santiagués, Crepería Cre-Cottê e Café Literarios son os catro locais que organizan estes dous concertos. E a maiores, achegarán 6.000 euros ao Concello para gastos de produción. En representación destes empresarios estiveron na rolda de prensa Nuria Gómez e Félix García, quen expresou a súa satisfacción por contribuír "a que haxa unhas festas ao nivel de Santiago". Ademais, indicou que esta é unha idea á que se lle pretende dar continuidade no tempo.

Nuria Gómez encargouse de describir os dous espectáculos. O primeiro terá como principal protagonista a Budiño, quen trae a Compostela o seu último traballo Volta. O gaiteiro declarouse ilusionado por volver a tocar na Quintana oito anos despois, anunciando un concerto "moi especial". Estará acompañado no escenario por Kepa Junquera, Uxía e os pandereteiros O Fiadeiro. O cartel do día completarano Vaamonde, Lamas e Romero, e Astarot.

O espectáculo comezará ás 21:00 horas, se ben as portas se abrirán unha hora antes. As entradas, a un prezo de seis euros, poderán mercarse dende o xoves 12 nos catro establecementos hostaleiros e no despacho de billetes do Teatro Principal. Deses seis euros, un irá destinado á Asociación de Loita contra o Cancro.

A música electrónica tomará o relevo o luns 30 cun concerto no que estarán oito Djs do colectivo Ibiza Music. A entrada a este espectáculo será gratuíta.

Documentos relacionados



Compartir: