EMPREGO

Máis de 30 empresas confirmaron xa a súa presenza na Feira Internacional de Emprego

10/07/2012 Os días 19 e 20 de xullo, o Pavillón Multiusos Fontes do Sar acollerá por segundo ano consecutivo a Feira Internacional de Emprego de Santiago de Compostela (FIE), un evento impulsado dende a Axencia Local de Colocación. Nesta segunda edición, que supón unha continuidade do proxecto emprendido en 2011 pola Concellaría de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego do Concello de Santiago para dinamizar o mercado laboral da cidade, hai xa confirmada a asistencia dun total de 33 empresas, pertencentes a sectores tan diversos como a consultaría, a informática, a formación, a hostalería ou o ámbito comercial.

O número total de ofertas presentadas a data de hoxe ascende a un total de 178. Destas, 63 postos corresponden a labores comerciais (incluíndo xefe/a de zona; xefe/a de sector; asesor/a comercial e teleoperadores/as), 26 están relacionados co sector da hostalería (camareiros/as; camareiros/as de andares e cociñeiros/as), 25 son postos para traballos de supermercado, un total de 23 pertencen ao ámbito da formación (incluíndo profesorado para diversas materias e técnicos formadores), 12 para consultaría (consultores/as; inspectores/as de seguros), 6 operarios/as de limpeza, outros 6 postos relacionados coa informática, 6 técnicos/as de mantemento, 3 traballadores/as para salóns recreativos, 2 postos de perruqueiros/as, 2 licenciados/as en medicina, 2 avogados/as, 1 monitor/a deportivo e 1 operario/a en yinturería/costura.

En canto á localización dos postos de traballo que ata o momento compoñen a oferta laboral da II Feira Internacional de Emprego, cabe destacar que a gran maioría (en concreto 106 postos) corresponden ao núcleo urbano de Santiago. Na zona periférica de Compostela sitúanse 12 postos, mentres que o resto da oferta laboral confirmada se reparte por diversos lugares da xeografía galega, como as cidades da Coruña ou Ferrol.

O prazo para enviar o currículo e participar nos procesos de selección de persoal que se desenvolverá ao longo das dúas xornadas da Feira remata o 13 de xullo. A inscrición, totalmente gratuíta, realízase de xeito rápido e sinxelo a través da páxina web da II FIE. Unha vez inscritos, os usuarios poden enviar os seus CV ás ofertas que máis lles interesen.

Compartir: