TURISMO

Abertas as rutas de tapas por once restaurantes da cidade

09/07/2012 O alcalde compostelán, Ángel Currás, xunto con varios concelleiros do Goberno local, representantes dos partidos políticos da Corporación municipal e colaboradores da iniciativa fixeron unha pequena ruta por dous restaurantes participantes en Tapéate Compostela. Primeiro estiveron no restaurante Acio e logo en O Curro da Parra.

Tapéate Compostela celébrase entre o 9 e o 22 de xullo. De acordo cos organizadores, a acción ten como finalidade "a dinamización turística da capital galega e o achegamento ao público da oferta gastronómica de locais de vangarda".

As rutas de tapas percorren a Cidade Histórica e o Ensanche. Na zona vella participan cinco locais: O Curro da Parra con "Volandeira O Curro da Parra"; Garum Bistró co seu "Ovo Atlántico"; A Tafona do Peregrino coa "Kokotxa con arroz meloso de Codium"; o Acio con "Bocadillo de mexillóns con zume de ensalada" e A Bodeguilla de san Roque coa "Filloa rechea de grelos e mexillóns".

Na zona nova poderán visitarse a Tapería Castelao coa súa "Ensalada de robaliza"; La Cavita, coa "Tosta mariñeira con tomate, parmesano e xarda afumada das Rías Baixas"; o Manso coa súa "Fritura de chipiróns, cebola e améndoa"; o Descorche co "Polbo fritido en fariña de millo con pemento de Arnoia"; o Bistró Leal con "Ovo sorpresa" e A Viña de Xabi coa "Piruleta de polo de curral con gambas pasado por panko de millo e maionesa de curri vermello".

Os participantes que completen cada unha das rutas propostas participarán en sorteos de 10 ceas para dúas persoas, unha noite en AD no Hostal dos Reis Católicos e un bono de 300 euros para consumir produtos do Mercado de Abastos da cidade. Para entrar no concurso só terán que selar as casillas pertencentes a cada un dos locais, nunha cartilla onde aparecen todos eles. Unha vez completadas todas as casillas dunha ruta, poderán depositala nalgunha das urnas dispostas a tal efecto en calquera dos restaurantes. O folleto pódese atopar nos propios restaurantes, na oficina de Turismo de Santiago da rúa do Vilar e na web www.tapeatecompostela.com. O sorteo efectuarase o 24 de xullo, ás 12:00 horas, no Mercado de Abastos.

Ademais, na páxina de Facebook de Tapéate Compostela terá lugar un concurso fotográfico entre os que degusten as tapas e suban a súa fotografía. O premio serán outras dúas ceas dobres. As novidades poderán seguirse na web de "Tapéate Compostela" e nas contas de Facebook e Twitter (@TapeateCompos).

Compartir: