COMERCIO

Santiago de Compostela será un ano máis a plataforma de exhibición da moda galega

09/07/2012 Presentouse oficialmente a VII edición de Galicia Fashion Week, que se celebrará do 10 ao 15 de xullo en Santiago de Compostela. Na rolda de prensa participaron a concelleira de Comercio e Turismo, Reyes Leis; Jose Matteos, director de GFW, Inma Bernal, en representación de Mercedes Benz, patrocinador oficial de GFW; e María Mera, presentadora dos desfiles.

O Concello colabora con esta Galicia Fashion Week, que será un ano máis a plataforma do deseño galego. Amosará as tendencias de moda e complementos para a temporada outono-inverno e contará con diversas actividades paralelas.

Como novidade desta edición, o evento contará en exclusiva cun programa de desfiles de moda galega os días 14 e 15 na praza da Quinta. Os desfiles serán presentados pola actriz María Mera, que nesta edición volve a ser a imaxe do certame. O acceso aos espazos dos desfiles estará aberto ao público e será de entrada libre.

Nesta VII convocatoria, a GFW aposta pola fusión da cultura da moda, a arte e a arquitectura da cidade, converténdose no primeiro evento de moda no que a Porta Santa da Catedral será a parte escenográfica máis relevante dos mesmos.

Esta GFW pretende posicionarse coma un referente internacional da promoción do deseño galego dende Santiago de Compostela. Por esta razón, este ano apostarse novamente pola promoción das coleccións de moda e complementos artesanais de autor e do deseño "Made in Galicia". Outro punto importante para esta internacionalización é a presenza como patrocinador oficial de Mercedes Benz.

A GFW comprende un extenso programa complementando aos desfiles, como exposicións no Hostal dos Reis Católicos, en Área Central e no Dado Dada. Tamén se fusionarán a música e a moda coas actuacións previas aos desfiles da cantante Alba Messa, o día 15, e do Dj santiagués Pablo Arnejo, cunha actuación de electrónica alternativa o día 14.

Direccións relacionadas



Compartir: