EDUCACIÓN

Unha exposición en Fonseca propón un percorrido por utensilios que se revelaron coma imprescindibles

06/07/2012 O lapis, a cremalleira, o clip, o apósito, o taco de parede, o velcro ou a pinza para tender son inventos que pasan desapercibidos no día a día, afeitos xa ao seu uso habitual, pero que modularon a nosa existencia de forma concluínte e evidente. Ata o 29 de agosto, o Colexio de Fonseca achegará o público espectador ás pequenas ou grandes historias que hai detrás deses obxectos cotiáns.

A innovadora exposición Heroes ocultos. Inventos xeniais. Obxectos cotiáns divulga, por primeira vez en España, as historias que hai detrás de 27 obxectos analizándoos baixo catro aspectos: innovación, produción, evolución e inspiración. O Concello de Santiago e a USC colaboran con esta mostra do Vitra Design Museum en cooperación con Hi-Cone, producida e organizada pola Obra Social "la Caixa".

Comisariada por Jochen Eisenbrand e Laura Hompesch, conservadores do Vitra Design Museum, a exposición permite extraer interesantes conclusións sobre acertadas estratexias creativas e empresariais, ou sobre como o azar converteu en produtos masivos e de éxito inventos que foron concibidos como algo completamente distinto. Para a súa exhibición en España, inclúese tamén o que se agocha tras algúns obxectos propios da cultura española coma o abanico ou o cántaro.

A concelleira de Educación, Rebeca Domínguez, participou na inauguración oficial da exposición. No acto tamén interviñeron o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua da USC, Francisco Durán; a directora xeral adxunta da Fundación "la Caixa", Elisa Durán; o director executivo territorial de "la Caixa" en Galicia, Marc Arthur Benhamou; e o director do Vitra Desig Museum, Marc Zehntner.

Documentos relacionados



Compartir: