UMAD

Residentes de psiquiatría e psicoloxía do CHUS formaranse na UMAD

06/07/2012 A concelleira de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego, Paula Prado, asinou un convenio de colaboración co xerente da Área de Xestión Integrada de Santiago do SERGAS, Luis Verde, para o desenvolvemento de parte da formación de residentes da unidade docente psiquiátrica e psicolóxica clínica na Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes (UMAD).

Paula Prado agradeceu ao SERGAS a confianza depositada na UMAD, por supoñer un recoñecemento á "calidade do seu persoal e instalacións". Así, segundo explicou Luis Verde, profesionais da psiquiatría e da psicoloxía que están realizando o seu MIR no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago realizarán prácticas nesta unidade municipal. "Na UMAD atenden diversos problemas de trastornos aditivos, polo que son de grande utilidade para formar novos profesionais e para unha posta en común e actualización destes", indicou.

Na actualidade son doce profesionais da psiquiatría e seis da psicoloxía os que veñen acudindo á UMAD para completar a súa formación. Agora, esta colaboración plásmase nun convenio formal.

Centro de saúde de Galeras
Preguntada pola próxima licitación do centro de saúde de Galeras, a concelleira agradeceu o "esforzo da Xunta de Galicia neste contexto de crise". Neste sentido, lembrou que inicialmente a instalación ía ter un financiamento público-privado, pero finalmente realizarase con fondos FEDER e da propia Xunta.

Tamén se felicitou pola noticia o xerente, apuntando que "había unha necesidade que se vai atender", dando cobertura á zona do Casco Histórico e de Galeras.

Compartir: