CULTURA

"Eugenio Granell no paraíso centroamericano, 1940-1956", nova exposición no Auditorio

04/07/2012 Eugenio Granell no paraíso centroamericano, 1940-1956 é o nome da nova mostra do Auditorio de Galicia. A exposición, que permanecerá aberta ata o 4 de novembro, enmárcase dentro dos actos conmemorativos que se están a celebrar na cidade con motivo do centenario do nacemento de Eugenio Fernández Granell. Foi inaugurada polo alcalde da cidade, Ángel Currás; a directora da Fundación Granell, Natalia Fernández Segarra; a comisaria da mostra, Pilar Corredoira; e o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou.

Para o Auditorio de Galicia, esta exposición é recordatorio e homenaxe da mostra retrospectiva que no ano Xacobeo 1993 ocupou a sala de exposicións do Auditorio, e que foi o xerme que conduciu, dous anos despois, á creación da Fundación. É por isto que, cando a Fundación propón a exposición para este espazo considera oportuno que esta sede albergue, pola súa relevancia, as obras máis significativas dos fondos e a obra da primeira etapa do artista.

Un rigoroso traballo de selección Pilar Corredoira, comisaria desta mostra, que baixo o epígrafe Eugenio Granell no paraíso centroamericano 1940 – 1956 nos permite coñecer a fondo a etapa do exilio en Santo Domingo, Guatemala e Porto Rico. Un momento excepcional no que Granell establece amizade con importantes autores surrealistas como Andre Bretón, Wifredo Lam, Roberto Matta, etc.

Coa obra destes amigos vai dando forma a unha importante colección privada, que podemos ver xunto a documentos, cartas, artigos en prensa ou en revistas especializadas, etc, un universo que forma a súa equipaxe vital, xa que aló onde vai leva consigo todos estes documentos que hoxe podemos ver no Auditorio de Galicia. Entre eles, documentos do seu arquivo persoal, algúns dos cales se ensinan publicamente por primeira vez e que convidan á investigación sobre Granell e o seu mundo.

Na mostra hai obras e documentos de Eduardo Abela, Alberto, Miguel Alzamora, Víctor Brauner, André Breton, José Caballero, Oscar Domínguez, Max Ernst, Esteban Francés, Jose Gausachs, Simon Hantaï, Jacques Hérold, Juan Ismael, Wifredo Lam, Ernesto Lothar, Conroy Maddox, Maruja Mallo, André Masson, R. Matta, Carlos Mérida, Joan Miró, César Moro, Wolfgang Paalen, Benjamín Palencia, Manolo Pascual, Francis Picabia, Antonio Rodríguez Luna, Antonio Saura, Vlady Serge, Saul Steinberg, Toyen, e Max Walter Svanberg.

É precisamente na súa etapa centroamericana, comprendida entre os anos 1940 e 1956, cando Eugenio Granell se interna con decisión nos espazos do surrealismo e configura con determinación a súa personalidade creativa. Así, a través da súa produción artística deste período, realizada en República Dominicana, Guatemala e Porto Rico, revisitamos a esencia dun labor influenciado pola súa fascinación polas illas: Granell pinta con intensidade, animado polas extraordinarias experiencias visuais, o clima excesivo e as culturas ancestrais do trópico. Son momentos brillantes, fecundos e fundamentais, que sinalarán o inicio do seu traxecto como artista e a conversión ao surrealismo, cambiando radicalmente a forma de ver o mundo.

Biografía de Granell
Eugenio Fernández Granell nace na Coruña en 1912. A súa infancia e adolescencia desenvólvese en Santiago, onde estuda bacharelato e música. En 1928 trasládase e Madrid, onde completa os estudos de violín na Escola Superior de Música de Madrid.

Dende moi novo participou en tertulias políticas e literarias. Moi activo políticamente, entra en 1935 no P.O.U.M. (Partido Obrero de Unificación Marxista). Coa estalido da Guerra Civil, en 1936, incorpórase as milicias republicanas e dirixe o periódico El combatiente rojo e participa activamente na contenda no frente de Cataluña.

En 1939 inicia o exilio. Chega a París onde se reencontra co poeta surrealista francés Benjamín Péret e co pintor cubano Wifredo Lam. Granell escribe e vai enriquecendo o seu mundo con estas amizades. En Santo Domingo, onde residiu entre 1940 a 1946, traballa como primeiro violín da orquestra sinfónica e intégrase no ambiente cultural. Funda e dirixe a revisa La poesía sorprendida, na que colaboran Juan Ramón Jiménez, Jorge Guillén, Pedro Salinas e Lezama Lima. Son os anos nos que inicia amizade con Andre Bretón, o que o leva a comprometerse co surrealismo.

En 1946, Granell e a súa familia trasládanse a Guatemala. En 1947, a exposición Le Surréalisme na galería Maeght de París, organizada por André Breton e Marcel Duchamp, intégrao activamente no movemento surrealista. A familia trasládase e Porto Rico, onde ocupará a cátedra de Historia da Arte na Facultade de Humanidades. Crea con estudantes o grupo "El Mirador"e algúns dos seus integrantes contribuíron á formación da arte portorriqueña actual.

Da etapa caribeña pasa a un longa estancia de profesor universitario e madurez artística en Nova York e no ano 1985 instálase definitivamente en España e recibe numerosos premios e recoñecementos.

En 1995 establécese en Santiago a Fundación Eugenio Granell para albergar a súa obra e tamén as súas importantes coleccións surrealistas e étnica, e a partir de 1997 as obras doadas polo surrealista Philip West.

Mostras en seis institucións da cidade
Con motivo da celebración do centenario do nacemento de Eugenio Granell a Fundación Granell achéganos a importancia do legado deste imprescindible artista surrealista propoñendo un percorrido por diferentes sedes da nosa cidade. Así, xa podemos visitar as exposicións adicadas ao artista na Cidade da Cultura, no Museo do Pobo Galego e na Fundación Granell en Bendaña. E aberta a do Auditorio, quedan pendentes dúas novas citas en Novacaixagalicia e no CGAC. Un tecido graneliano no que todos poderemos gozar non só da súa obra, senón tamén de obras da súa colección, libros, cartas, obxectos, etc.

Compartir: