MEDIO AMBIENTE

Concello, Xunta e Estado axilizan os trámites de licitación da depuradora da Silvouta

03/07/2012 O alcalde compostelán, Ángel Currás; a concelleira de Medio Ambiente, María Castelao; o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández; e o secretario de Estado de Medio Ambiente, Federico Ramos, mantiveron unha reunión de traballo en Raxoi encamiñada a axilizar os trámites necesarios para a licitación do proxecto da depuradora da Silvouta.

O Concello de Santiago recibiu recentemente a memoria inicial coa que se daba comezo ao trámite ambiental da futura estación depuradora de augas residuais (EDAR) da Silvouta.

Neste momento, a Secretaría de Estado de Medio Ambiente está a introducir as achegas formuladas dende o Concello de Santiago para poder avanzar na declaración de impacto ambiental e axilizar o resto de trámites.

No encontro de traballo, tanto o alcalde como a concelleira de Medio Ambiente constataron o interese da Xunta e do Goberno do Estado en que a depuradora se realice no menor tempo posible e cumprindo os prazos marcados por Europa para o libramento dos fondos.

Ademais, lembraron que a nova ubicación no lugar de O Souto é a máis idónea, polos seus menores inconvenientes para os veciños e polo seu menor impacto visual e paisaxístico. Con estes mesmos obxectivos, o Concello aposta pola tecnoloxía máis compacta para a futura instalación.

Compartir: