EDUCACIÓN

Trescentos rapaces e rapazas viven un mes de xullo de lecer e en inglés

03/07/2012 O alcalde compostelán, Ángel Currás, e a concelleira de Educación, Rebeca Domínguez, visitaron a Escola Municipal de Verán de Inglés, que vén de botar a andar no IES Rosalía de Castro. 300 alumnos participan nesta nova edición, que conxuga a conciliación, o lecer e a aprendizaxe do inglés ao longo do mes de xullo.

Nesta Escola de Verán de Inglés participan estudantes empadroados ou escolarizados en Santiago de 1º de Primaria a 2º da ESO (ambos inclusive). Segundo fora o seu nivel de inglés, os rapaces e rapazas foron incluídos nun ou noutro grupo. As familias podían optar por que os rapaces acudiran do 2 a 31 de xullo ou do 17 a o 31 de xullo, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Non obstante, a recepción faise diariamente dende as 8:15 horas.

A Escola de Verán de Inglés combina as clases de inglés con obradoiros lúdicos, para aproveitar o tempo de actividade non escolar e practicar e mellorar o nivel de inglés. Hai obradoiros das seguintes temáticas: creación literaria e recomendacións de materiais de aprendizaxe da lingua inglesa, cancións, teen life, magazine, role plays, artes plásticas, cociña elemental, language games e english workshops. Todo isto complementado con actividades deportivas, xogos ou xincanas.

Tamén están previstas saídas a lugares como o mercado, os servizos do Concello ou os museos. Ademais, este ano o programa propiciará a práctica do deporte con sesións de natación na piscina de Santa Isabel, grazas á colaboración da empresa XADE. E coincidindo coa visita institucional do alcalde e da concelleira, celebrouse a primeira das sesións do Club Canino "Só lles falta falar" que deu a coñecer en inglés diversos aspectos das relacións a ter en conta cos cans de familia.

Documentos relacionados



Compartir: